lunes. 11.05.2026

O Concello de Xinzo de Limia deu hoxe un novo paso na implantación do plan de mobilidade “Xinzo Paso a Paso” coa instalación das cámaras de control de tráfico previstas para o centro histórico. Os dispositivos xa están operativos nas rúas Santa Mariña, Lepanto, Jesús Carlos Romero Nieto, Otero Pedraio, Dous de Maio e San Roque, reforzando así a aposta pola peonalización integral do casco antigo.

 

A partir de agora ábrese un período de adaptación no que as persoas que necesiten acceder en vehículo deberán acreditar a súa condición (vivenda, garaxe, negocio, traballo, etc.) e rexistrar a matrícula no Concello. O obxectivo é garantir que residentes, profesionais e repartidores dispoñan das autorizacións necesarias, evitando sancións automáticas.

 

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Ramón Gómez, explicou que a medida "non busca sancionar, senón ordenar, humanizar e obxectivar o tráfico no centro histórico. Xinzo está a recuperar espazo para as persoas cun modelo de mobilidade sostible e seguro. As cámaras permitirán garantir o cumprimento das normas de acceso, preservando a identidade e a tranquilidade do noso casco antigo sen bolardos nin barreiras físicas".

 

O sistema aplicará sancións automáticas só aos vehículos non autorizados e inclúe un dispositivo de control de peso para restrinxir a entrada a camións de gran tonelaxe. Manterase en todo momento o acceso para servizos de urxencia, carga e descarga (07:00-10:30 h) e residentes acreditados.

 

Con esta actuación, o Concello continúa desenvolvendo o plan “Xinzo Paso a Paso”, que xa incorporou medidas como a creación de catro aparcadoiros públicos e gratuítos en diferentes zonas da vila e a posta en marcha das zonas laranxas de estacionamento exprés, pensadas para facilitar a rotación en áreas de gran afluencia.

O Concello activa as cámaras de control de tráfico no casco histórico dentro do plan de...