martes. 08.10.2024

O Concello de Xinzo de Limia anuncia a instalación de cubrecontedores e varandas protectoras na contorna do Parque do Pombal e na rotonda da avenida de Celanova respectivamente. Estas medidas, levadas a cabo nos últimos días, son resultado do traballo en equipo desenvolto no marco do "Obradoiro de Emprego Peregrino", unha iniciativa conxunta entre o Concello de Xinzo de Limia e o Concello de Sandiás por terceiro ano consecutivo.


Este obradoiro, que pon en valor a colaboración intermunicipal como motor de progreso na nosa comarca, ofrece formación e oportunidades laborais a vinte persoas de ambos concellos nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, así como na instalación de elementos e carpintaría. Este segundo grupo de carpintaría, foi o encargado das recentes actuacións e está coordinado directamente por Moncho Gómez, o concelleiro de Urbanismo, Obras, Infraestruturas e Mobilidade.

 

 

As varandas instaladas na rotonda da avenida de Celanova non só contribúen á estética da zona, senón que tamén ofrecen unha maior protección aos veciños e peregrinos que transitan por esta importante ruta do Camiño de Santiago. Por outra banda, os cubrecontedores na contorna do Parque do Pombal ofrecen unha solución práctica, económica e estética, contribuíndo ao mantemento da limpeza e ordenación da vila.

NOTICIAS XINZO | O Concello mellora o seu tramo do Camiño de Santiago