lunes. 11.05.2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe un encontro no Pazo Provincial cunha delegación dos agricultores e gandeiros ourensáns que manteñen mobilizacións desde hai dúas semanas. Durante a reunión, na que participaron deputados e persoal técnico, analizáronse as graves preocupacións do sector primario derivadas do tratado do Mercosur e das negociacións da futura PAC 2028-2034.

Luis Menor trasladou o apoio total da institución, subliñando que a defensa do medio rural é unha prioridade absoluta e comprometéndose a un diálogo permanente para canalizar as demandas do sector ante outras administracións. Neste sentido, o presidente detallou varios acordos concretos que inclúen a posta en marcha de servizos e novas liñas de axuda. Entre eles destaca o compromiso de implantar un servizo de recollida de plásticos agrícolas para a súa correcta xestión ambiental, unha medida que será levada ao pleno provincial para a súa aprobación.

No eido gandeiro, a Deputación habilitará dúas liñas de axudas este mesmo ano. A primeira financiará un plan piloto de recría de femias en extensivo para facilitar o relevo nas cabanas, mentres que a segunda impulsará o silvopastoreo como ferramenta de prevención de incendios. Ademais, acordouse iniciar un estudo de viabilidade para a creación dun centro de recría de gando provincial e apoiarase o mantemento dos viarios de acceso ás parcelas.

Finalmente, o presidente incidiu na necesidade de que calquera acordo comercial con terceiros países inclúa cláusulas de salvagarda. Luis Menor esixiu que os produtos estranxeiros cumpran as mesmas esixencias sanitarias, ambientais e de benestar animal que se lle piden aos produtores galegos para garantir unha competencia en igualdade de condicións.

A Deputación apoiará a recría de gando e a xestión de plásticos ante a crise do Mercosur