martes. 10.12.2024

Xinzo estará representado o próximo 23 de xullo nas eleccións ás Cortes Xerais con Alba Feixóo, número tres na lista ao Congreso do BNG por Ourense. A limiá forma parte da candidatura dos nacionalistas, encabezada pola tamén parlamentaria, Noa Presas, que busca impedir que as dereitas gobernen en España e poder velar polos intereses de todos os galegos desde Madrid.

Este xoves, Feixóo participará nun acto aberto a toda a veciñanza no que tamén estarán Noa Presas, o voceiro municipal do BNG en Xinzo, Camilo Vila; e o concelleiro nacionalista Manuel Pozo. Será ás 21:00 horas na Praza de San Roque.

 

Sendo vostede avogada, como se decidiu a entrar no mundo da política?

En realidade entrei “no mundo da política” antes que na avogacía. Eu levo militando no BNG desde os vinte anos e, antes de entrar a militar, xa participaba no nacionalismo estudantil na universidade. E desde entón, o meu desexo é estar naquelas facetas en que poida ser útil -sexa formando parte dunha candidatura, sexa facendo traballo de base ou no que for- cando as miñas circunstancias persoais mo permiten. E a avogacía é o meu traballo e o meu sustento, e inda algo máis que iso. Penso que é unha profesión intensa e exixente, que obriga a ter bastante equilibrio e a recuperalo cando se perde -non sendo que unha ande por aí atropelando ao persoal ou a si mesma, claro- e, por tanto, é tamén un reto a un nivel interior.

Nas eleccións municipais xa formou parte da lista do BNG de Xinzo e agora é candidata ao Congreso por Ourense. Que supuxo para vostede que lle ofrecesen entrar na lista para os comicios do 23X?

Pois un orgullo. Síntome orgullosa polo BNG como organización política, da súa fortaleza e capacidade de resistencia, de que sexa a única forza política no noso país que conxuga uns principios fondamente transformadores, cunha presenza nas rúas e nas institucións en actitude de levar ao terreo do real eses principios, e para min non hai nada máis valente ca iso. E síntome orgullosa polas persoas coas que milito no día a día aquí na Limia: polo noso voceiro municipal, Camilo Vila, por Manuel Pozo, Carlos Pérez, polas compañeiras de Galiza Nova, Xaira Pena e Mirian Opazo, e unha longa lista de nomes que son, no político e no persoal, persoas de 10.

Que destacaría desta candidatura do BNG en Ourense?

Penso que a candidatura destácase soa. A comezar por quen a encabeza, Noa Presas. Unha muller nova, filóloga e profesora, que sacou unhas oposicións mentres desenvolvía o labor de deputada no Parlamento Galego cun compromiso, unha seriedade e unha solvencia soberbios, penso que é un luxo para nós como organización política, pero verdadeiramente tamén para todo o electorado. Alguén a quen apoiar electoralmente desde o inconformismo; con todo convencemento e satisfacción.

Máis escanos para o BNG son garantía de que quen teña que entenderse connosco, desenvolva políticas progresistas e de maior benestar social e, por suposto, se teñan que incluír os dereitos das galegas e galegos, do noso territorio e da nosa cultura

Estas eleccións xerais parecen ser as máis cruciais dos últimos anos para España. De que xeito pode influír nelas o BNG?

Do xeito máis útil. O BNG é a única forza política á que lle podemos votar as galegas e os galegos cunha utilidade dobre. A primeira, a de impedir que a dereita goberne no Estado, e a segunda, a de defender unha axenda galega nas políticas do estado. Ese escenario crucial do que falamos, é un escenario no que non vai haber maiorías absolutas; por tanto, por unha banda, a dereita sabe que os escanos do BNG sempre van impedir que eles gobernen -xa o fixemos en 2019-, e por outra, máis escanos para o BNG son garantía de que quen teña que entenderse connosco, desenvolva políticas máis progresistas e de maior benestar social e, por suposto, se teñan que incluír na ecuación os dereitos das galegas e galegos, do noso territorio e da nosa cultura.

Os pactos PP-VOX están dominando parte da campaña electoral. Que pensa sobre isto, vendo que os populares din que que non teñen nada que ver con eles e ao mesmo tempo acordan gobernos conxuntos nas comunidades autónomas?

O que penso é que a memoria e o respecto á palabra dada son básicos en política e, en xeral, na vida, e que agora é o noso momento. Feijóo, sendo presidente da Xunta, dixera literalmente que nunca pactaría con VOX, porque é un partido antigalego. Agora, o Feijóo presidente do PP, pacta con VOX gobernos autonómicos. Queren que a cidadanía viva na desmemoria, queren faltar á palabra dada e que lles saia gratis, e non pode ser. Agora é o tempo da cidadanía, toca sancionar estes comportamentos e dicir basta.

Feijóo, sendo presidente da Xunta, dixera literalmente que nunca pactaría con VOX, porque é un partido antigalego. Agora, o Feijóo presidente do PP, pacta con VOX gobernos autonómicos

As enquisas apuntan a un mellor resultado que o obtido no 2019 para os nacionalistas. Cales son as expectativas?

As expectativas son as de medrar, e moito. Até onde, é difícil sabelo. Cómpre ver que nas últimas eleccións municipais o BNG superou as mellores previsións no conxunto de concellos do país, e que nas últimas eleccións ao Parlamento Galego, triplicou representación. Por tanto, imos coa actitude de seguir rompendo enquisas e colleitando máis e máis ilusión.

Que propón o BNG para mellorar a vida dos galegos desde Madrid?

Xustiza e dignidade para a nosa terra, para as nosas oportunidades, para as nosas vidas. Por que Galiza e por que a provincia de Ourense temos que ser dos territorios máis deprimidos económica e demograficamente de todo o Estado? Por que non imos poder xestionar nós as infraestruturas galegas, ou os nosos ríos? Por que non imos aspirar a unha provincia e un país con tren de cercanías? Por que non imos aspirar ao desenvolvemento industrial e á creación de postos de traballo aquí? Por que non imos poder pór os nosos recursos hidráulicos e o noso vento ao servizo das nosas necesidades enerxéticas? Exixir compromisos do Estado con Galiza en todas estas áreas é o que o BNG seguirá facendo en Madrid, con máis escanos e máis forza desde o próximo 23X.

Acto público que o BNG terá este xoves en Xinzo.
Acto público que o BNG terá este xoves en Xinzo.

ENTREVISTA | Alba Feixóo: "O BNG pode impedir que goberne a dereita e defender unha...