jueves. 02.05.2024

Despois de dúas lexislaturas no Parlamento de Galicia, Carlos Gómez Salgado non forma parte da candidatura do Partido Popular por Ourense para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro. O seu lugar vai ser ocupado por Cristina Campero, recente fichaxe do PP de Xinzo. Presidente da xestora local do Partido Popular, Gómez Salgado subliña o seu compromiso de "seguir traballando por Xinzo" nesta nova etapa.

Como valora esta situación?

Na política estamos de paso, tratei de facer o meu traballo e servir a Galicia o mellor que puiden; con lealdade ao Partido Popular e compromiso cos galegos e as galegas. Despois destes anos creo que é oportuno deixar espazo para novas incorporacións. Cristina é unha fichaxe de Antonio F. Veiga; nestes meses xa se fixo un oco, e non é doado no mundo da política. 

É moi gratificante atopar persoas que como ela comprométanse co proxecto do Partido Popular e que queiran participar en política. Deséxolle moita sorte e moitos éxitos a esta xoven que vén pisando forte. Esperamos que os compañeiros do AXIL apoien e pidan o voto publicamente para Cristina; penso que temos ao alcance o 55,27% dos votos ao PP das eleccións do 2020, pero se traballamos xuntos e superamos o 59,18% do ano 2016, temos ao alcance unha deputada na Limia e no grupo de Goberno, que sería moi importante.

Vai gañar a candidatura do Partido Popular?

É unha candidatura excelente; a mellor, con diferencia, de cantas se presentan. Combina demostrada experiencia cunha renovación que proporciona frescura coas novas incorporacións para o proxecto do Partido Popular de Galicia.

En canto ao gañador das eleccións, non teño dubidas. Os galegos sabemos diferenciar entre o Partido Popular, que se dedicou a gobernar con fiabilidade e compromiso cos galegos e galegas durante os últimos anos, e os que optaron polo non, pola negación de todo, e por poñerlle un tras outro atrancos a Galicia e aos galegos. Temos o mellor candidato, o mellor proxecto, o mellor equipo e o mellor partido. Con Alfonso Rueda Galicia funciona.

Teño moita ilusión e proxectos para seguir traballando por Xinzo, que sempre foi a miña prioridade

Algunhas voces do seu partido reclaman un congreso local; sendo o presidente da Xestora do PP de Xinzo, vai convocalo?

Non me corresponde a min convocar o congreso. En canto o pida o Comité executivo provincial faremos o chamamento á militancia. Estamos preparados e incluso diría que será un momento importante para o futuro do PP de Xinzo. Nas municipais conseguimos o obxectivo: chegar ao goberno a pesar dalgunhas dificultades. Estamos gobernando en coalición con AXIL, con Amador Diaz ao timón, activando un concello desnortado nos últimos catro anos. 

Entón, vai seguir no Concello?

Pois claro, o compromiso é ate maio do 2027. Teño moita ilusión e proxectos para seguir traballando por Xinzo, que sempre será a miña prioridade; nesta ocasión como segundo tenente de alcalde e concelleiro de Relacións institucionais, Cultura, Educación e Turismo e, de momento, tamén como presidente da xestora local do Partido Popular.

Como leva a bicefalia con Antonio Fernández Veiga, o portavoz municipal?

Estupendamente, temos unha excelente relación persoal e política. Comunicámonos e compenetrámonos moi ben, estamos en sintonía e sobre todo somos dous limiaos que queremos o mellor para o noso concello. O traballo dos catro compañeiros do grupo municipal popular está dando moitos e moi bos froitos. En canto a Toni como primeiro tenente de alcalde, só se pode dicir que é un home traballador, comprometido e leal.

Estamos conseguindo sacar proxectos e iniciativas importantes en colaboración con outras institucións

Levamos sete meses de coalición PP-AXIL no goberno municipal, como valora este tempo?

Moi ben, entendendo que non somos o mesmo grupo e que temos personalidades diversas. O prioritario e o que nos une é querer traballar por e para Xinzo; e aí hai empatía, coordinación e colaboración. Estamos conseguindo sacar proxectos e iniciativas importantes en colaboración con outras institucións. O cambio de actitude, exenta de protagonismos, a implicación e a xestión que estamos a facer o goberno actual vaise vendo día a día e creo que o percibe a veciñanza a pesar deste curto período de sete meses.

Que proxectos destacaría?

En primeiro lugar quero destacar a colaboración entre institucións; fundamentalmente coa Xunta de Galicia e coa Deputación de Ourense, que están detrás do impulso ás importantes obras e servizos que se están facendo no concello. Hai tres proxectos nos que o Partido Popular de Xinzo leva anos traballando; un deles, a modernización do regadío da Limia, con 7 millóns de fondos propios da Xunta máis o 20% comprometido ista semana para diminuír a achega dos regantes polo IVE. Tamén a ampliación do Parque Empresarial, cun orzamento de licitación de 4.361.836,36 millóns de euros.

E o terceiro que destacaría é a humanización do casco histórico de Xinzo, que suporá unha transformación integral do Barrio de Abaixo, cun orzamento URBE de 856.000 dos que o 70% o aportara a Xunta de Galicia en dúas anualidades. E xa que estamos no tempo de Entroido e a Xunta acaba de incoar o expediente BIC, ímoslle dar un pulo e un novo enfoque á xestión do Museo Galego do Entroido.

202402 Carlos Gómez Salgado PP Xinzo de Limia (1)
Carlos Gómez Salgado aposta por novos aires na xestión do Museo do Entroido.

Teremos Auditorio neste mandato?

Pois é outro dos proxectos no que estamos a traballar o Goberno municipal, como xa comentaron Alcalde e Concelleiro de obras, inicialmente a través dun concurso de ideas en colaboración co Colexio de Arquitectos de Ourense, centrado na transformación do Campo da Feira, onde preténdese construír o Multiusos que levabamos no programa, e o anhelado, como di vostede, Auditorio Municipal. Iremos dando os pasos necesarios, sin precipitación pero sin pausa.

Trandeiras cumpriu 500 anos, en que momento están as obras de recuperación?

É unha obra proposta no seu momento á Confederación Hidrográfica polo hoxe alcalde de Xinzo, Amador Diaz;, ninguén mellor que el para falar deste tema. Na fase actual téñense feito importantes traballos de desentullo e consolidación de paredes e muros. Tamén unhas sondaxes arqueolóxicas que están sacando á luz importantes achados para unha mellor comprensión e estudo do que foi este importante mosteiro franciscano.

Non quixera deixar pasar a ocasión sen preguntarlle pola loita pediátrica...

Un tema tan importante como o da sanidade infantil non debería ser obxecto da politización e instrumentalización por parte dalgúns partidos. Temos un gran sistema sanitario que cómpre seguir mellorando, o Partido Popular estará sempre apoiando e traballando por conseguir a mellor sanidade pública.

En Xinzo temos dúas prazas de pediatras que non se van suprimir, non se van amortizar. Actualmente un dos especialistas está de baixa médica e estase intentando substituílo con outro pediatra; sen moito éxito pola falta destes profesionais en toda España, non só en Galicia. En canto queden vacantes activarase o proceso de contratación, que se fará da maneira mais áxil posible, incluso utilizando o sistema de prazas de difícil cobertura. Malia todo, o servizo estase dando puntual e sin demoras, garantindo a cobertura nun ou dous días, máximo 48 horas, para atender ás solicitudes de cita pediátrica. Obviamente tamén estanse cubrindo as urxencias.

ENTREVISTA | Carlos Gómez Salgado: "Xinzo sempre será a miña prioridade"