martes. 10.12.2024

Cristina Campero Dorado naceu un 2 de xullo de 1992, na localidade de Lampaza, en Rairiz de Veiga. Ten dous ciclos superiores: Secretariado e Xestión Forestal e do Medio Natural. É axente forestal e antes rexentou unha tapería no corazón de Xinzo de Limia. Quizás foi por iso, ademais de pola súa simpatía natural e proximidade coa xente, polo que pensaron nela para formar parte da candidatura do Partido Popular ao Concello de Xinzo de Limia e, nada máis convocar Rueda comicios, para as autonómicas

Leva na política local uns oito meses e está cun pé no Parlamento se o PP revalida maioría absoluta. Como xurdiu o seu nome? 

Creo que moito tivo que ver a paridade e tamén a liña marcada dende a dirección provincial, de darlle un aire novo ao partido. Por suposto que o perfil de muller nova e traballadora, e os bos resultados que se están acadando na concellería que dirixo, tamén puideron axudar. 

Quen propuxo o seu nome?

Pois, foi o presidente provincial, Luis Menor. Envioume unha mensaxe na que dicía que quería falar comigo. Eu dixen: "Que faría?" Porque que te chamen de arriba... Falei con Toni (Antonio Fernández Veiga) e non sabía nada. Eu, tremendo. Acabou chamándome o presidente e me dixo que contaba comigo, que ía ir nunha boa posición para estar no Parlamento se se gañaban as eleccións con maioría absoluta. Como ía dicir que non a unha oferta así!

Non lle parece un pouco prematuro? 

Pouco, non. Moitísimo!!! (risas)... Que estou recién aterrada en política!!! Pero aquí estou, e estou disposta a traballar arreo pola miña terra, a Limia, e como non, por Galicia, sexa cal sexa o lugar que ocupe a partires do domingo. 

O servizo de extinción de lumes é todo un luxo para a nosa comunidade

A loita contra os lumes sempre foi unha lanza permanente da oposición contra o goberno popular. Vostede, que forma parte, dende dentro, cre que se están a facer tan mal as cousas?

Mire, en canto a persoal cualificado, parque móbil, material, instalacións... A mellora levada a cabo dende Medio Rural foi brutal! Temos o mellor equipo de extinción de Europa. Veñen de EE.UU. ou Australia a coñecer o noso funcionamento. Os EPIs (equipos de protección individual), autobombas, brigadas helitransportadas; eu traballo nunha base, a de Verín, que é a mellor de toda Galicia... O servizo de extinción é todo un luxo para a nosa comunidade!

Como lle queren os regantes ao conselleiro que ata piden expresamente o voto para o PP!

É que José González é un home que tira moito pola terra, polo que cre. Quere, coma min, que máis pronto que tarde se poida vivir dignamente do campo. Aínda que para iso queda moito por modernizar e moito por mudar na mentalidade da xente das cidades. Pero, coincido con el en que temos que pór aos agricultores e gandeiros no lugar que, por xustiza, se merecen. 

Por certo, non a vin en ningunha das manifestacións e concentracións pola falta de pediatras. 

Nin me verá. Se fose unha asociación de nais e pais a que a convocase, alí estaría eu e os meus compañeiros. Pero non cando se pretende sacar rédito político dun problema puntual de escasez de especialistas. E máis vendo como se mete en campaña a saúde das nosas nenas e nenos. O respaldo que están tendo todos os venres é mínimo. Por que cre que é? Porque a xente pronto se deu conta de que era unha cuestión puramente política. As nais e pais non van ás concentracións e logo, dende a plataforma, obríganos a que os seus nenos saian ca pancarta cando xoga algún dos seus clubes. Pancarta que eu permito que a saquen, por suposto, pero non comparto esa descarada politización. 

Cristina Campero, na recepción deste xoves 15 da campeona olímpica Ruth Beitia. | FOTO: Noelia Caseiro.
Cristina Campero, na recepción deste xoves 15 da campioa olímpica Ruth Beitia. | FOTO: Noelia Caseiro.

Que tal na Concellería de Deportes?

Moi ben, estou encantada. Cando se falou da distribución de competencias, aceptei, pero abofé que para min era algo un pouco descoñecido. Agora, se me dan a escoller concellería, sen dubidalo collería Deportes. É un mundo marabilloso. 

Poida que sexa o departamento do Concello de Xinzo onde máis inversión se precisa. 

Non llo discuto. As instalacións están moi obsoletas e aquí non se mirou para elas case nunca, pero moito menos nos últimos catro anos. A sociedade, agora, xa reclama deporte, e temos que ofrecer unhas infraestruturas que estén á altura. 

Aquí non se mirou case nunca para as instalacións deportivas... E moito menos nos últimos catro anos



Algunha actuación inminente?

Ademais das mans de pintura que precisan moitas das instalacións? (risas) Un dos meus proxectos é convertir a piscina olímpica que temos e que está infrautilizada nunha que poidan usar aquelas persoas que precisan de rehabilitación, reducíndolle o vaso que ten. Tamén se está estudando unha revisión das tarifas, que están moi obsoletas. Non pode haber tanta diferencia entre o que se gasta e o que se ingresa polas mensualidades. 


Seica é a mimada do grupo de Goberno?

Si, trátanme todos en palmitas. Calquera cousa que pido, calquera detalle... Alí están. 

E no partido?

Mellor, aínda (risas). A verdade é que tiven moitísima sorte. Trátanme como se levase 20 anos nel. Todos... presidente da Deputación, delegado da Xunta, que ese home é un espectáculo de persoa... Estou moi contenta. 

Campero Dorado, Prado Del Río e Menor Pérez, no mitin do PP en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Campero Dorado, Prado Del Río e Menor Pérez, no mitin do PP en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

Tivo algún custe persoal a súa entrada en política?

Non, a verdade é que os meus amigos e coñecidos tomaron moi ben a miña decisión. Poida que algún comentario nas miñas redes, pero nada destacable. 


Algún vaticinio para este domingo?

Non perderemos a maioría absoluta. Non pode haber alternancia, e non digo que que a haxa sexa negativo. O que será negativo é que a haxa en Galicia coas forzas de esqueda que temos. Acabarán en conflito, e en conflito, saímos perdendo todos. 

O novo regadío nesta zona chaira, co apoio dun novo Goberno de Rueda, ten que acabar convertendo á Limia na despensa de toda España



Se chega ao Parlamento... Que fará pola Limia?

Defendela. Loitar pola súa prosperidade. Temos o mellor polígono industrial de Galicia e temos que impulsalo de xeito aínda máis firme e decidido. Tamén procurarei, se chego ao Parlamento, seguir respaldando o deporte da Limia. O que pasa en Xinzo, con tantas disciplinas e tanta implicación, estou segura que non se dá noutras vilas. E, como non, o novo regadío nesta zona chaira, co apoio dun novo Goberno de Rueda, ten que acabar convertendo á Limia na despensa de toda España.  

A número 13 da candidatura popular ás Autonómicas, nun momento da entrevista no X-Pazo, de Curros Enríquez. | FOTO: Paula Limia.
A número 13 da candidatura popular ás Autonómicas, nun momento da entrevista no X-Pazo, de Curros Enríquez. | FOTO: Paula Limia.

 

ENTREVISTA | Cristina Campero: "Temos que pór aos agricultores e gandeiros onde, por...