A Escola de Gaitas e Percusión inicia o curso 2025-2026 | NOTICIAS XINZO
A Escola de Gaitas e Percusión do Concello de Xinzo de Limia presentou este xoves a programación e organización do curso escolar 2025-2026, que se desenvolverá en tres trimestres: outubro-decembro, xaneiro-marzo e abril-xuño.
O acto estivo presidido polo concelleiro de Educación, acompañado polos profesores Miguel Estévez e Xoán Losada. O director da Escola, Fernando Dopico, detallou as principais propostas elaboradas polo claustro de docentes. Entre elas destacan a ampliación e axuste dos horarios lectivos, a creación de novas seccións artísticas, a planificación de festivais e audicións con participación do alumnado e das agrupacións titulares, así como o impulso de actividades extraescolares.
Durante a presentación, Dopico tamén explicou o funcionamento e iniciativas da Asociación Cultural Aturuxos d’Antela e repasou as seccións artísticas da Escola para este curso:
-
Banda de Gaitas Xinzo de Limia (titular)
-
Banda de Gaitas Xinzo de Limia - B
-
Tarde Piache! (grupo instrumental)
-
Cantareiras da Limia (titular)
-
Cantareiras da Limia - B
-
O acto concluíu coa intervención de Carlos Gómez, concelleiro de Educación e Cultura, quen animou a nais, pais e alumnado a impulsar a creación dunha ANPA da Escola, así como a participar no futuro Consello Escolar, que incluirá representantes das familias, do alumnado, do profesorado e un representante institucional.
Con esta programación, a Escola de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia reforza o seu papel como motor cultural e formativo, promovendo a música tradicional e a participación activa da comunidade educativa.