A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa reunión semanal un total de 15 acordos que mobilizan un investimento global de 586.264,65 euros. Dentro deste paquete de axudas, a administración provincial aprobou de forma oficial unha subvención de 13.000 euros dirixida ao Concello de Xinzo de Limia para a organización e desenvolvemento da Festa do Esquecemento de cara a este exercicio.
O presidente da institución provincial, Luis Menor, salientou que o conxunto destas resolucións reflicte o compromiso permanente coa cooperación municipal e co tecido social e empresarial da provincia. No bloque dedicado ás administracións locais, que concentra máis de 424.000 euros, a partida de 13.000 euros para a Festa do Esquecementobusca potenciar unha das recreacións históricas con maior proxección turística e cultural da comarca da Limia.
Ademais da inxección económica para a cita histórica de Xinzo de Limia, a orde do día da sesión provincial validou outros investimentos de relevancia na contorna. No caso do concello de Cualedro, ratificouse unha axuda de 2.994,75 euros destinada á organización da súa carreira pedestre, mentres que o municipio de Bande percibirá 4.000 euros para as tarefas de mantemento do seu campo de fútbol municipal. Así mesmo, aprobáronse dúas subvencións para Monterrei: unha de 8.712 euros vencellada ás analíticas dos anos 2025 e 2026 no Balneario de Requeixo, e outra de 15.000 eurospara a execución da Festa do Maior.
O plan de reparto da Deputación de Ourense esténdese por outras zonas de interese provincial. Contempla 50.000 eurospara melloras viarias na Teixeira, 102.150,65 euros en total para servizos sociais e infraestruturas en Carballeda de Avia, 45.000 euros para a casa comunitaria de Quintela de Leirado, 18.150 euros para o Impact Campus de San Xoán de Río e 30.000 euros repartidos en dúas dotacións deportivas en Ribadavia.
Finalmente, o organismo provincial validou 162.258,25 euros para a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao e a cantidade de 150.000 euros asignada ao Concello de Cenlle correspondente á anualidade de 2026 para o acondicionamento do seu campo de fútbol.
