O Forum Limicorum Literario trae a Xinzo a Francisco Narla
A Asociación Cultural Civitas Limicorum continúa co calendario especial do Annus Argenteus, con motivo do 25 aniversario da Festa do Esquecemento, e faino cunha cita literaria de primeiro nivel.
O sábado 16 de agosto, ás 20:00 horas, a praza San Roque de Xinzo de Limia converterase nun escenario aberto para acoller o Forum Limicorum Literario, un encontro cultural gratuíto que traerá ao recoñecido escritor galego Francisco Narla, unha das voces máis destacadas da novela histórica.
Narla presentará a súa obra Breo. O celta que desafiou a Roma, un relato que mergulla ao lector nas loitas, costumes e desafíos do mundo galaico-romano. O acto incluirá unha presentación, coloquio co público e sinatura de exemplares, ofrecendo unha oportunidade única para conversar co autor e coñecer de preto o proceso creativo desta novela que combina historia e ficción.
De xeito paralelo, e na mesma rúa San Roque, abrirase unha tenda temporal con roupa e complementos de época galaica e romana, ideal para que o público poida adquirir traxes ou detalles de última hora de cara á inminente XXV Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de agosto. A inauguración desta tenda coincidirá co inicio do acto e incluirá un pequeno ágape para as persoas asistentes.
Os distintos Forum Limicorum naceron para poñer en valor a cultura como parte esencial da identidade da Festa do Esquecemento e, nesta ocasión, servirán de antesala perfecta para unha edición que se prevé máis especial ca nunca.