lunes. 11.05.2026

Esta semana celebrouse no Hipódromo de Antela a presentación oficial dunha intensa xornada ecuestre que terá lugar este domingo 1 de xuño, consolidando estas instalacións como un dos principais referentes do mundo do cabalo en Galicia.

No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Xinzo de Limia, Carlos Gómez Salgado; a vicepresidenta do Jockey Club Galicia, Mónica Rodríguez Pérez; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez; a concelleira de Deportes do Concello de Xinzo de Limia, Cristina Campero; e o xerente do Hipódromo de Antela, Jorge Vázquez.

O Hipódromo de Antela destaca pola súa diversidade de disciplinas ecuestres, acollendo competicións de galope, trote enganchado, doma clásica, raid, completo e trail, sendo ademais a única pista de velocidade en Galicia que organiza carreiras oficiais.

Carreiras de Cabalos o día 1 de xuño no Hipódromo de Antela.
Carreiras de Cabalos o día 1 de xuño no Hipódromo de Antela.

 

Este domingo celebraranse varios eventos de grande relevancia:

  • Gran Premio AECCA, carreira destinada exclusivamente a cabalos árabes nacidos e criados en España, onde se decidirá cal é o cabalo árabe nacional máis rápido do país.

  • Gran Premio Jockey Club Galicia, coa participación dos mellores pura sangue galegos.

  • Inicio do I Campionato Galego de Conductores de Trote Enganchado, baixo o amparo da Federación Española de Carreiras ao Trote.

 

Durante a xornada disputaranse tamén dúas emocionantes carreiras de trote:

  • Carreira puntuable para o Campionato Galego, que porá a proba aos mellores deportistas da comunidade.

  • Competición internacional con trotadores franceses, elevando aínda máis o nivel de esixencia e prestixio do evento.

 

Este campionato supón un fito para o trote enganchado en Galicia, ao servir de plataforma tanto para condutores consolidados como para novas promesas desta disciplina, nun claro impulso ao relevo xeracional e ao crecemento do deporte ecuestre.

Campeonato Galego de Trote Enganchado no Hipódromo de Antela.
Campeonato Galego de Trote Enganchado no Hipódromo de Antela.

 

Todo isto será posible grazas á colaboración entre AECCA (Asociación Española de Criadores de Cabalos Árabes), AGCCA (Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes), e co apoio da Deputación de Ourense e do Concello de Xinzo de Limia.

O Hipódromo de Antela vestirase esta fin de semana de velocidade, tradición e emoción, nunha cita imprescindíbel para os amantes do mundo do cabalo.

O Hipódromo de Antela prepárase para unha xornada ecuestre histórica