lunes. 07.10.2024

Ás 20:15 deste venres día 17, na Praza Carlos Casares de Xinzo, presentarase o libro O Entroido de Xinzo de Limia, unha obra do escritor limián Edelmiro Martínez Cerredelo.

O libro amosa a evolución histórica do Entroido límico comparando a celebración antiga coas novas costumes da actualidade. Un tema que o creador aproveitou para resaltar a importancia de investigar nas nosas raíces e para destacar o Entroido do pasado  "creo que debemos conservar e promover máis o noso Entroido tradicional que é o que nos pode diferenciar dos outros".

En total, a obra consta dunha parte literaria na que se narra todo o percorrido evolutivo da celebración, e dunha parte máis visual na que o autor incluíu unhas 350 fotografías de diversas xeracións -é por iso que haberá fotos a cor ou a branco e negro-.

A creación xorde a petición dos directivos da Asociación Cultural A Pantalla, Suso e Luis Fariña, os cales se puxeran en contacto con Edelmiro a finais de agosto do ano pasado. "Seguramente inspirados polo libro que lle escribín no 2019 aos do Antela F.C. polo seu centenario", asegura o escritor.

As lembranzas do autor e a súa teima por recordar tempos pasados xogaron un papel moi importante na creación do proxecto. Tamén empregou bibliografía de estudosos do Entroido -os cales nomea no libro- , información recollida de bibliotecas e prensa, e a colaboración de diversos amigos e coñecidos que lle amosaron como se celebraba o entroido nas aldeas da contorna.

O proceso de búsqueda de datos foi un camiño complicado para o escritor debido á falta de recursos históricos que sofre o concello. "Temos un problema en Xinzo, non temos arquivos, ninguén garda un papel, fotografía ou documento. Ningunha das asociacións e clubs teñen arquivo, nin directivo que se encargue dalgo tan importante para a historia local como gardar documentos, fotos e prensa". 

NOTICIAS A LIMIA | Edelmiro M. Cerredelo recopila a evolución histórica do Entroido de...