martes. 10.12.2024

O executivo local do Concello de Xinzo de Limia está a elaborar un decálogo de boas prácticas para optimizar o depósito de residuos nos contedores e para concienciar á cidadanía da necesidade de reciclar o refugallo.

As novas normas recollidas incluirán recomendacións sobre os modos adecuados de separar o lixo e os diferentes usos e tipos dos contedores. Tamén se recordará a dirección e o novo horario que se instaurou no Punto Limpo do concello para a entrega e reciclaxe de voluminosos -os mércores e xoves de 17:00 a 19:00, e os sábados de 10:00 a 14:00- e o número de teléfono para solicitar a recollida dos mesmos -661 72 44 81- .

A vila xa conta cunha ordenanza de boas prácticas veciñais, pero faise necesario reforzar e destacar ditas normas, pois continúan a aparecer residuos na vía pública. Chámase á colaboación dos habitantes para que os diferentes aveños ou mobles non se deixen ao carón do contedor, xa que o servizo de recollida de lixo non ten o deber de recollelo.

A maiores, o executivo recalca a necesidade de depositar o refugallo orgánico ou degradable en bolsas herméticas pechadas, e a recomendación de introducilo no colector correspondente despois das 20:00 horas e antes das 7:00 -de estar o depósito saturado, deberá usarse o máis próximo- . O resto de residuos terán que levarse ao lugar destinado a cada material.

Como punto final, recálcase que está prohibido o desprazamento dos contedores ademais de estacionar os vehículos nos lugares que dificulten as labores de carga e descarga.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo lanza un novo decálogo de boas prácticas para concienciar...