lunes. 09.12.2024

O Concello de Xinzo de Limia iniciou onte a última fase de reparación do firme do casco histórico, a cal se prevé que remate antes do día 14 de outubro. O plan contou cun presuposto de 47.295 euros adicados á reparación e substitución dunhas 800 lousas danadas na zona vella da vila.

Neste período tense planexado arranxar a praza de San Roque e a rúa Leopoldo Álvarez. As obras en San Roque xa comezaran no día de onte co obxectivo de cambiar a maior parte das lastras por outras novas debido ao pésimo estado no que se atopaban. A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme, ás que se lle une tamén o desgaste temporal, provocaran a rotura progresiva das lousas.

O executivo local xa informara da intención de inicar esta última fase durante o verán, pero os traballos víranse paralizados por mor da gran afluencia de visitantes e extranxeiros. Tomárase a decisión de pospoñer as obras ata a actualidade co fin de causar as mínimas molestias posibles aos veciños e comerciantes. Tal como comenta o concelleiro de Urbanismo, Ramón Gómez, "pedimos a súa comprensión porque é unha actuación complicada na que será necesario substituír as baldosas".

Moitos veciños da vila amosaron o seu descontento debido a que non foran informados do inicio das obras e se viran sorprendidos nos seus fogares polo ruído da maquinaria.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo comezou as obras de substitución de lousas da praza San Roque