viernes. 04.10.2024

Coincidindo a xornada de onte coa víspera do Día Internacional da Música, a Xunta de Galicia, publicou no DOG -Diario Oficial de Galicia- a resolución das "axudas dirixidas a escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro". Unha subvención que contou cun presuposto total de 165.000 euros -a mesma cantidade que o ano anterior- do que resultaron beneficiarias unhas 31 entidades de toda a comunidade galega.

A Escola de Música da Limia, con sede no Concello de Xinzo de Limia, foi un dos centros elixidos para gozar desa axuda. A entidade, que conta na actualidade con 198 alumnos, recibiu unha cantidade de 6.678,25 euros.

O obxectivo destas subvencións é potenciar o funcionamento dos centros dependentes de entidades sen ánimo de lucro que imparten ensinanzas de música non regradas; unhas escolas adicadas á formación de aficionados e á preparación das probas de acceso ao grao superior ou profesional do conservatorio. Actualmente, estos centros contan cunha alta demanda entre a poboación.

NOTICIAS A LIMIA | A Escola de Música da Limia recibe unha axuda de 6.678 euros da Xunta