viernes. 03.05.2024

A Selección Galega Sub-12 disputará esta fin de semana o Campionato de España de Seleccións Autonómicas e haberá un limiao nas súas filas. Hugo Pérez, xogador das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo, é un dos convocados para participar representando ao combinado galego nos encontros fronte a Madrid, La Rioja, Aragón e Extremadura. "Quedei moi contento cando me enterei da noticia", conta este rapaz de 12 anos.

Esta convocatoria é importante para el e a súa familia, pero tamén para o deporte base de Xinzo. Hugo Pérez converteuse no primeiro limiao en ser convocado pola Selección Galega e esta fin de semana viaxará a Madrid xunto a outros 13 compañeiros pertencentes a diferentes clubs de toda a comunidade. Ademais, é un dos tres xogadores que participarán representando a equipos da provincia de Ourense. "Estou ben, pero tamén algo nervioso", recoñece.

Xogará na capital do país contra as seleccións de Madrid, La Rioja, Aragón e Extremadura 

Mónica Salgado, nai de Hugo Pérez, asegura que "estamos moi contentos porque para nós é un orgullo enorme". Esta convocatoria premia todo o esforzo deste mozo de 12 anos, pero tamén o da súa familia que sempre o acompaña e o apoia. "Traballou moito para conseguilo", destaca. A paixón polo fútbol non o aparta dos estudos e organízase para poder facer todo e sempre contará co respaldo dos seus pais. "O que máis queremos é que o pase ben e desfrute cos seus compañeiros", engade Salgado. Pérez recoñece que é "bastante difícil" compaxinalo, pero é consciente da importancia de sacar tempo para estudar e seguir desfrutando do deporte.

No mundo do fútbol adentrouse dende pequeno, facendo probas co Celta na categoría de Prebenxamíns. Co club vigués ten participado en torneos e compaxínao xogando cos equipos da E.D.C de Xinzo, onde se atopa agora na categoría Alevín. A súa posición no campo tena clara, "eu xogo onde me poñan". Pese a iso, normalmente é medio ou dianteiro centro.

A convocatoria deste mozo é un exemplo do poderío que ten o deporte base en Xinzo, onde hai numerosas formacións e non só de fútbol. "Ten un gran mérito o esforzo que fan todos, porque non deixan de ser nenos e sempre dan o mellor deles mesmos", destaca Salgado sobre esta rapazada que traballa cada día polos estudos, pero tamén pola súa paixón deportiva.

Convocatoria da Selección Galega, na que está presente Hugo Pérez.
Convocatoria da Selección Galega Sub-12, na que está presente Hugo Pérez.

 

NOTICIAS A LIMIA | Hugo Pérez fai historia: primeiro limiao en xogar coa Selección Galega