jueves. 25.04.2024

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia - Arnoia, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia acaba de organizar para o vindeiro sábado día 13 de novembro unha andaina contra a violencia de xénero. A iniciativa leva por lema a frase "Non peches os ollos" e anunciará a chegada do día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

O evento encádrase dentro dun plan reivindicativo desenvolto por AGADER -Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- e a Consellería de Igualdade no que se levarán a cabo diversas actividades relacionadas co paliamento da violencia de xénero na sociedade durante todo o mes de novembro. A andaina realizarase á mesma hora e no mesmo día en diversos lugares de Galicia, intentando transmitir unha mensaxe de apoio e unión do mundo rural contra a violencia de xénero.

No caso de Xinzo, a camiñada iniciarase ás 10:30 horas da mañá na praza Carlos Casares. O percorrido consistirá nun tramo circular e contrará cuns tres kilómetros totais de traxecto -aproximadamente unha hora de duración- . Ao final da sesión procederase á lectura do manifesto do día 25 de novembro e convidarase aos participantes a unha taza de chocolate quente.

A dificultade será baixa, polo que se poderán inscribir persoas de todas as idades, tanto anciáns coma cativos. Para facelo, deberase escribir ao correo electrónico i[email protected], ou ben chamar ao 988 688 799. Tamén se poderá contactar coa organización Limia Arnoia a través das súas redes sociais.

A maiores, e dentro do marco de actividades da iniciativa de Agader, os veciños do concello poderán asistir á obra teatral Invisibles. Unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo no que se relatan casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. A representación contará coas actuacións de Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez. O evento terá lugar o venres día 12 ás 20:00 horas da noite na Casa da Cultura de Xinzo -a entrada será de balde ata completar aforo- .

Cartel da obra teatral Invisibles.Cartel da obra teatral Invisibles.

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo súmase ás andainas contra a violencia de xénero