Venres. 29.03.2024

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acaba de asignar o contrato de adxudicación das obras de “Escavación, Consolidación e Acondicionamento no Castelo da Pena da Portela” de Xinzo de Limia á Empresa Citania Arqueoloxía e Patrimonio. As actuacións están cofinanciadas polo FEDER Galicia 2014 - 2020 e contan cun orzamento 208.294,48 euros a realizar nun prazo de execución de nove meses.

Tras moitas xuntanzas e traballos -coma realización de sondaxes, planimetrías, desbroces...- que se iniciaran polo ano 2016, entre as que incluso destaca o descubrimento dun torreón adxacente á Torre de Pena no 2018, hoxe procederase ao inicio das obras no que é considerado un dos grandes recursos patrimoniais e turísticos do concello limiá e ben de interese cultural.

Os traballos centraranse principalmente na limpeza da muralla exterior do castelo, unha das zonas menos visibles na actualidade por mor do alto crecemento da vexetación e polos derrubes padecidos. Os expertos investigarán e actualizarán a documentación existente co obxectivo de deixar á vista unha parte considerable da estrutura que permita comprender e explicar o seu conxunto.

Tamén se actuará sobre o torreón descuberto coa finalidade de rematar a súa escavación e conservación. Para isto baleirarase o andar inferior por completo eliminando os recheos.

Despois destas actuacións acondicionaranse os circuítos de visita ao castelo coa finalidade de permitir unha correcta circulación aos visitantes. Tamén se instalará unha nova sinalética que explicará as características xerais da área e das diferentes estruturas conservadas co fin de obter un percorrido autoguiado. A maiores, habilitarse un código QR que accederá a un vídeo dando información do percorrido interior da torre.

Prevese que os resultados de todas estas actuacións rematen o vindeiro verán.

NOTICIAS A LIMIA | O Castelo da Pena de Portela someterase a obras de escavación,...