martes. 08.10.2024

Máis de 2.000 afiliadas e afiliados á CIG de A Limia e Verín están chamados este sábado a participar na sétima asemblea xeral da Unión Local destas comarcas, que se celebra este sábado na Casa da Cultura de Verín, a partir das 10:30 horas da mañá. O sindicato nacionalista renovará Comisión Executiva e a Secretaría da Unión Local, encabezada desde 2013 por Luís Ferreiro.

Nun comunicado de prensa, a CIG informa que ás 12:05 horas está prevista a presentación de candidaturas á Executiva e á Secretaría -o prazo segue aberto hoxe- e, a continuación, someteranse a votación as listas presentadas. Na anterior asemblea, en 2013, a executiva quedou conformada por Luís Ferreiro, Begoña Alonso, Ana Belén Alonso, Francisco Xabier Rodríguez, Pablo Martínez, Camilo Lorenzo e Luís Pérez.

No informe de xestión que se presentará diante da asemblea, a CIG subliña algúns dos fitos laborais destes últimos anos nas comarcas de Verín e da Limia e sinala os peches de varias empresas téxtiles así como a areeira e construtora Carrajo, peches que segundo o sindicato "deixaron a máis de 300 familias na rúa, sen traballo e sen posibilidades de obter outro emprego nestas comarcas"

Tamén fai parte do informe de xestión a denuncia presentada pola CIG contra o ex alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, por contratacións irregulares e que rematou coa inhabilitación do último rexedor popular da vila. 

No comunicado previo á asemblea, a CIG advirte que nas comarcas de Verín e Xinzo hai máis de 4.000 persoas desempregadas. E denuncia que "as traballadoras e os traballadores, en xeral, e a nosa xuventude, en particular, non teñen outro opción que coller o camiño da emigración; fenómeno que esmaga o noso porvir".

Ademais, a CIG lembra que é a central sindical de maior afiliación das Comarcas de Verín e A Limia, e tamén a organización sindical de ámbito local máis forte na provincia de Ourense. A Unión Local da CIG de Verín e A Limia fundouse en 1990.

NOTICIAS A LIMIA | A Unión Local de Verín e A Limia da CIG celebra este sábado a súa...