viernes. 19.04.2024

Ramón Gómez ten 55 anos e leva media vida xestionando unha explotación de ovellas na zona da Moreira, en Xinzo de Limia. Esta mañá, despois de deixalo fillo pequeno na escola, atopouse coa porta da nave aberta. “Xa me temín o peor”. Despois, na parte do taller, un dos armarios tamén estaba aberto. Sen forzar. Descubriu a tela rota dunha das fiestras posteriores da nave. E pensa que os ladróns puideron acceder por alí.

Ramón denunciou o roubo está mañá na Garda Civil. Bota a faltar dúas máquinas rebarbadoras, “unha delas, noviña, que custou máis de 600 euros”. Tamén, unha careta de soldador eléctrica, “a outra deixárona”; así como unha serra de ferro e ferramentas miúdas. En total, calcula o valor do roubado en 2.000 euros.

A nave ten uns mil metros cadrados e garda 400 ovellas, cinco cans e catro vehículos de maquinaria agrícola. Segundo o propietario, coñecida a familia entre a veciñanza como os Cocheiros, alcume do pai del, que tivo vacas de leite antes de ovellas, os ladróns deberon entrar pola fiestra traseira, atravesar o cubil das ovellas -que permanece iluminado toda a noite- e acceder á parte do taller que está na parte dianteira.

Ramón Gómez, ás portas da súa explotación (1)Ramón Gómez, ás portas da súa explotación.

“Escolleron. Pero penso que non levaron todo o que quixeran ter levado porque algo debeunos asustar, ou os cans ou alguén que pasou”, explica Ramón Gómez, que o luns marchou da nave contra as sete da tarde. “Esta mañá, cando volvín, pensei que o fillo maior andaba dentro, pero pareceume raro e enseguida comprendín que algo pasara”

Hai uns anos, na mesma zona de granxas producíranse varios roubos de gando. A Ramón e ao pai, que faleceu hai catro anos e o neto maior quixo lembralo co nome que agora adorna a entrada, leváranlles 105 ovellas. Non recuperaron nin unha, tampouco o valor dos animais.

NOTICIAS A LIMIA | Denuncian roubo de ferramentas por valor de 2.000 euros nunha...