viernes. 26.04.2024

A maioría dos propietarios de bares e restaurantes de Xinzo que integran a asociación de hostaleiros están decididos a pechar o luns para expresar a súa protesta diante da imparábel suba de prezos que ameaza con converter en inviábeis os seus negocios. Nunha votación telemática, os partidarios do peche representaban esta mañá máis do 50% e eran os únicos que se tiñan pronunciado.

A maioría dos propietarios de bares e restaurantes consultados este xoves polo Diario do Limia aseguran que teñen intención de pechar o luns. Outros, pensan que hai que esperar a coñecer as decisións do Goberno central. Algún confesa que necesita informarse máis, e que tomará unha decisión nas próximas horas.

Alberto Rúa, presidente dos hostaleiros, comenta que hai tempo de aquí ao luns. Mañá, el, a título particular, acudirá á manifestación de apoio ao sector primario. Ningún hostaleiro discute a xustiza das reivindicacións dos agricultores e dos gandeiros. Tampouco a das reclamacións dos transportistas.

E todos coinciden en que o malestar na hostalaría, despois de dous anos coas mans atadas pola pandemia, está fundamentado. A protesta da hostalaría espallarase por todo o país. Son as asociacións gremiais quen convocan. É a sociedade civil a que ten que empuxar nas institucións e nos partidos.

En Xinzo, até o cartel da convocatoria está deseñado. Só falta que se activen os máis remisos. “Eu vou pechar”, di un propietario mentres atende a terraza a media mañá. “Penso que non se está a explicar ben a razón deste peche. Nós apoiamos aos transportistas, si; pero tamén temos os nosos propios problemas. Aféctanos todo: a luz, a alimentación... O café, por exemplo, subiu un 20% no último ano”

Na Taberna da Trocha, Carlos di que eles descansan os luns, pero que pecharían se fose martes, ou mércores. No restaurante Torino, Víctor, está atendendo aos provedores. Chega o da carne. Empezan a contar. “A picaña, a costela... todo. Todo subiu. A costela, por exemplo, estabámola comprando a 6 euros e agora está a 8,50. E nós non podemos subir prezos. O que estamos facendo é asumir esas perdas. Xaneiro sempre é un mes no que todo sobe, pero este ano non é aceptábel”. Víctor xa votou, no restaurante tamén descansan os luns, “pero pararía igual calquera outro día”.

Víctor. Torino. Proposta de peche na hostalaría o 28 de marzo. Xinzo. Bares
Víctor, propietario do Torino, no restaurante, antes da apertura ao público este xoves.

E nós non podemos subir prezos. O que estamos facendo é asumir esas perdas. Xaneiro sempre é un mes no que todo sobe, pero este ano non é aceptábel.

“O que diga a maioría. Nós pecharemos se se decide pechar, aínda pechar suporanos moito”, di Óscar, do Avenida, das cafeterías con máis movemento os días laborábeis. “O mesmo chegamos algo tarde, porque andan negociando, esperemos ver solucións pronto”. No Ítaca, Gonzalo comenta que soubo este xoves da idea dun peche colectivo. “Téñome que informar máis. Non sei cales son as demandas concretas. Non creo que soltar uns millóns ao transporte vai cambiar moito a cousa. Mañá saberei máis e decidirei”

Carmen, no Meigallo, párase a comentar con detalle. “O ano pasado subíronnos o IVE do 10 ao 21%. Subíronnos a luz, como a todo o mundo, claro. A cervexa, a sidra... E vai seguir subindo todo. Estes días quedamos sen algunha marca de bebida. Coa cervexa aínda non sabemos que vai pasar. A bombona de butano custa 20 euros. Todo...” Carme leva 13 anos no negocio, o negocio leva máis de 25. “Se me pregunta se esta é a peor crise que pasei, pois digo que levamos en crise desde antes da pandemia, e veu a pandemia e tivemos que pechar. Dixeron que despois da pandemia nos ían axudar. E o que veu despois é isto: subida de prezos”.

Carmen Mendiño. Proposta de peche na hostalaría o 28 de marzo. Xinzo. Bares
Carmen, no Mendiño, esta mañá.

Dixeron que despois da pandemia nos ían axudar. E o que veu despois é isto: subida de prezos.

No seu bar na praza, Alberto Rúa bota contas. “Aquí na praza estamos case todos de acordo. Hai algunha xente esperando a ver que fan os outros. Creo que haberá decisión entre mañá e pasado. A día de hoxe, hai unha maioría a favor de pechar”. Rúa explicas os seus motivos para apoiar unha protesta. “Temos que estar todos xuntos. Isto aféctanos a todos. Se afecta a un camioneiro, afecta a un cliente; se afecta a un gandeiro, afecta a un cliente. E claro que sufrimos. Eu quixen facer o pedido de leite de sempre, e só me deron a terceira parte. Igual me chega para unha semana... o xusto até que volvan repartir”

“Temos que estar unidos, si”, comenta outra hostaleira. “Pero como se consegue iso? A situación é complicada para todos. E pechar un día faise duro. Hai que entender á xente. Veremos...”. A protesta segue pendente de se concretar en Xinzo. 
 

NOTICIAS A LIMIA | A maioría dos hostaleiros, decididos a pechar o luns