viernes. 26.04.2024

O debate máis interesante do pleno ordinario celebrado esta mañá en Xinzo produciuse ao redor dun asunto que non é particular de Xinzo. O PP leva desde finais do ano pasado introducindo en distintos concellos do país unha moción na que sinala as responsabilidades do Goberno do Estado na falta de médicos na Atención Primaria. Esta vez tocoulle a Xinzo. A concelleira Montse Lama (que segue os plenos telemáticamente, desde a súa casa) apresurouse a apoiar o texto. Polo grupo de goberno interveu a propia alcaldesa.


Elvira Lama explicoulle ao PP que “a taxa de reposición é do 120%” nos servizos esenciais como o sector sanitario, que “con Rajoy so se cubrían o 10%, unha diferencia substancial”, que se ao PP lle entraron as présas por dispoñer de máis médicos de familia, “teno tan fácil como lle dicir ao SERGAS que contrate máis persoal”, que se o que quere é sacar máis MIR cada ano, “que dispoña máis medios para formalos”.


Tamén se preguntou que significa o termo “flexibilización”, introducido polo PP para apurar a incorporación dos MIR, e se iso quere dicir “reducir o nivel de exixencia, ou desvalorizar o sistema MIR?”. E asegurou Lama, a alcaldesa, que “Feijoo renunciou á formación de médicos e a súa etapa péchase con 151 médicos de familia menos” no sistema sanitario público do país.


“Sabemos que o sistema sanitario está seriamente tocado”, dixo Elvira Lama, e confesou que as responsábeis do Centro de Saúde de Xinzo lle indicaron que “por causa de baixas ou vacacións que non se cobren, os médicos en Xinzo están a atender entre 50 e 60 pacientes ao día cunha media de 5 minutos por cita”. E engadiu que “hai atrasos de até dous anos nalgunhas consultas”, e reclamou máis prazas de médico de familia para Xinzo. 


A alcaldesa cualificou a moción do PP como “un tótum revolútum”, e animou a todos os grupos a chegar ao seguinte pleno cunha moción consensuada para “lle reclamar a quen haxa que reclamar, solucións para a atención sanitaria”. A moción do PP foi rexeitada cos 7 votos do grupo de goberno.

Pleno Xinzo 18 de maio (3)
A moción do PP só contou co apoio de Montse Lama e foi rexeitada por todos os grupos que fan parte do goberno local.

 

Foi un dos puntos de discrepancia do pleno. O outro produciuse a conta do investimento en Trandeiras. Unha ampliación do que gastará a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que o PP non ve prioritaria.

Houbo acordos unánimes para aprobar un modificativo de crédito (14.000 euros) para pagar as horas extra da Policía Municipal; e noutro para aumentar en 500 euros, até alcanzar os 2.500 euros, a subvención a AFAOR, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, que colabora co concello nun programa de obradoiros de memoria. 

Tamén se decidiu remunicipalizar as piscinas exteriores. A alcaldesa explicou que os traballadores das piscinas pasaron a integrarse no convenio colectivo do Concello de Xinzo e que polo tanto podían prestar servizos tamén nas piscinas exteriores. O PP estivo de acordo. No que non estivo de acordo foi noutro modificativo para incrementar unha partida destinadas ás festas. Serán 50.000 euros que engadir aos 200.000 xa orzamentados.

Ramiro Rodríguez (BNG), o concelleiro de Cultura, explicou que o goberno local debe organizar as festas de Santa Mariña e colaborar con outras celebración, entre elas, o Esquecemento. E que o que había non alcanza. O PP pediu “menos improvisación”, máis o modificativo foi aprobado.

Pleno Xinzo 18 de maio (5)
Elvira Lama, durante un dos seus debates co portavoz popular, Antonio Fernández.

 

O goberno local introduciu unha moción de urxencia para que o Concello de Xinzo se adhira a un programa estatal de atención a vítimas de violencia de xénero que ten que ver con axudar a que a decisión de abandonar o fogar do agresor non se vexa atrasada por non saber que facer coa mascota. A alcaldesa explicou a urxencia porque en días pasados saltou a alerta no CIM de Xinzo por un caso deste tipo. Elvira Lama dixo que en todo o Estado hai unhas 800 acollidas cada ano de mascotas de vítimas de violencia de xénero, e pediu que a Deputación habilite este protocolo nos centro de recollida.

O PP preguntou polo remate das obras na pista da Moreira. O responsábel de Mobilidade, Ramón Gómez, asegurou que se están rematando e criticou á empresa que as está a realizar. Tamén preguntou porque o Concello eliminou o reforzo das desinfeccións nos colexios. A alcaldesa rematou o pleno como o empezara, deslucindo os argumentos do PP. “Na Galiña Azul mantivéronse porque o risco é maior ao haber cueiros. Nos colexios, retirámolos agora, en canto se nos indicou. Lémbrolle que a Consellería de Educación xa retirou os reforzos dos Institutos moito antes, en marzo”.

A alcaldesa tamén insistiu, a propósito dunha pregunta no pleno anterior do PP, que o goberno de Xinzo segue sen ter acceso ao Plan de Saúde de Xinzo, e que o coñece “oficiosamente” a través das profesionais do Centro de Saúde.

NOTICIAS A LIMIA | “Os médicos de Xinzo atenden entre 50 e 60 pacientes ao día, unha...