martes. 10.12.2024

A presentación a semana pasada do novo Plan de Igualdade do Concello de Xinzo de Limia provocou as críticas do Partido Popular. Aínda que os contidos do plan están en proceso de elaboración, os populares cuestionan a contratación dada a relación dunha das responsábeis da empresa encargada de redactar o plan, Laura Seara, coa alcaldesa, Elvira Lama; e tamén lembran que gobernos anteriores redactaron até tres plans de Igualdade “elaborados sen custe ningún” por técnicos municipais.


Nunha nota de prensa publicada este mércores (e na que tamén se fai referencia á polémica das piscinas municipais), o principal partido da oposición na corporación de Xinzo de Limia pregunta pola “relación que a institución [o goberno local] mantén con Laura Seara”, o tipo de contrato, a cantidade que percibe Red Talento Consultoras e “os criterios de selección da empresa”.


Subliña o PP que Laura Seara foi deputada do PSOE e na actualidade “é a parella de José Carballo, quen tamén está contratado pola alcaldesa Elvira Lama para levar os asuntos de comunicación, prensa e redes sociais do Concello de Xinzo”. Na nota de prensa, o PP valora que Carballo ten “unha dilatada carreira de comunicación ao servizo do Partido Socialista ao carón de Pachi Vázquez [ex conselleiro do PSOE no bipartito]”.


Ademais, os populares indican que a alcaldesa manifestou “que se trataba do primeiro Plan de Igualdade nunha carta dirixida a diferentes entidades do Concello sabendo da existencia de até tres plans de igualdade anteriores, elaborados sen custe ningún para as arcas municipais por Gobernos do Partido Popular dende a Concellería de Servizos Socias Igualdade e Benestar”.


Sosteñen os populares de Xinzo que ese departamento foi quen fixo “a análise previa da situación, coordenado polo Asesor Técnico e Director do Centro de Información á Muller, coa participación dos técnicos dos departamentos e áreas municipais como os Servizos Sociais e Comunitarios, os de Emprego, Cultura, Turismo, Xuventude e Voluntariado, así como polos técnicos de Sanidade e Consumo, Informática e Novas Tecnoloxías, e tamén por representantes da mesa sectorial de mulleres integradas na xunta directiva do GDR”.


O comunicado do PP remata cunha “esixencia” á alcaldesa de “maior transparencia, rigor informativo, e veracidade nas comunicacións”, e “moi especialmente", sinalan, naqueles “máis sensibles que afectan á igualdade, violencia machista, inclusión ou atención á diversidade”.

NOTICIAS A LIMIA | O PP pregunta a Elvira Lama polo contrato de Laura Seara para...