viernes. 19.04.2024

O cuestionario dunha enquisa sobre violencia de xénero que lanzou o Concello de Xinzo (e que xa non está accesíbel na rede) propuña unha pregunta aberta sobre os lugares que a veciñanza sente como inseguros. Na resposta das veciñas e veciños indícanse tres zonas: o Toural, o paseo xunto ao río e o polígono. 


A enquisa fai parte da fase de elaboración do Plan de Igualdade e os resultados presentáronse hoxe no salón de plenos da Casa do Concello con presenza de representantes do tecido asociativo de Xinzo de Limia e os técnicos do Centro de Información á Muller. 


Contra o final do acto, a alcaldesa, Elvira Lama, respondeu á alerta dicindo primeiro que está en marcha a substitución das luminarias públicas para instalar lámpadas LED (“que esperemos que aumenten á potencia da iluminación”) e, despois, que se estudará a posíbel necesidade de mellora da iluminación nas zonas sinaladas.


Foi o primeiro resultado práctico dun plan que arranca cheo de boas intencións e cunha dinámica, na sesión de hoxe, que non se corresponde coa aposta metodolóxica. Cando alguén desde a bancada de convidados lembrou que este non é o primeiro plan de igualdade, a alcaldesa matizou que se trata “do primeiro plan participado”.


Mais a participación dos actores sociais limitouse a responder ao convite. Falar, falaron pouco. Falar, falou Laura Seara, ex secretaria de Estado de Igualdade (PSOE), quen dirixe a empresa Red Talento, consultora con sede en Ourense especializada en plans de igualdade e que ten entre os seus clientes ao Concello de Xinzo.


Seara debullou durante máis dunha hora os datos da enquisa que constitúe o primeiro chanzo da participación no proceso de elaboración do Plan de Igualdade de Xinzo. “Haberá tamén focus group (grupos de discusión)”, dixo ao final para reforzar o carácter cualitativo da investigación que definirá os problemas e as accións do futuro plan.

Falou Laura Seara, ex secretaria de Estado de Igualdade (PSOE), quen dirixe a empresa Red Talento, consultora con sede en Ourense especializada en plans de igualdade e que ten entre os seus clientes ao Concello de Xinzo.


O Concello de Xinzo resumiu nunha nota de prensa eses datos: “participaron máis de 200 veciñas e veciños, a maioría mulleres nadas entre os anos 1969 e 1980. Un 83 % das mulleres e un 60 % dos homes que completaron o cuestionario consideran que elas sofren discriminación, especialmente no ámbito laboral e á hora de acceder a un posto de traballo. O 5 % das mulleres que contestaron, aseguran haber solicitado os servizos que presta en Xinzo o Centro de Información á Muller. Un 24 % das mulleres asegura que sufriu situacións de acoso sexual e abuso sexual no último ano”.

Representantes do tecido asociativo de Xinzo, esta tarde no salón de plenos da Casa do Concello
Representantes do tecido asociativo de Xinzo, esta tarde no salón de plenos da Casa do Concello

“A finalidade desta primeira parte do Plan pasa por unha potente diagnose de igualdade que mida os indicadores mais importantes, analice os programas e as actuacións, así como os recursos dispoñibles. Nesta fase tamén se despregan as ferramentas participativas para que a cidadanía faga chegar as propostas para o deseño do Plan”, indica o comunicado municipal.


O despregue das ferramentas participativas quedou, nesta primeira reunión, nunha declaración de intencións. As convidadas oficiaron como público. Apenas houbo intervencións. As asociacións viñeron a escoitar. Desde a empresa e desde o Concello díxoselles o que se espera delas: que completen unhas follas con propostas, suxestións, etcétera. A enquisa e Laura Seara, nas referencias ao Ibex-35 e aos dirixentes mundiais que participaron na reunión da OTAN en Madrid, estableceron o primeiro marco no que se moverá o proceso. 


Mais que unha oportunidade para descubrir novas formas de loitar contra a discriminación da muller (“neste ámbito, en políticas públicas, está todo inventado”, dixo a consultora), o proceso pode servir para definir os límites da participación individual e colectiva coa que se presenta o Plan, e quizá sirva tamén para outras cousas. Por exemplo, para mellorar a iluminación das rúas ou o ancho das beirarrúas, como suxeriu outra intervención desde o público.  

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo estudará unha mellora da iluminación no Toural, no paseo do...