O Concello de Xinzo acaba de informar da aplicación dun novo plan de actuación centrado na recuperación e reforma da praza do Conservatorio, un espazo que deixará de ser un punto marxinal para transformarse nun pequeno auditorio ao aire libre.
O novo recinto exterior será utilizado para a realización de diversos eventos ao aire libre, coma proxeccións audiovisuais, representacións teatrais, e sobre todo, concertos. É por este motivo que se decidiu decorar os máis de 400 metros cadrados do espazo cunha serie de pentagramas que recollerán as notas da coñecida obra de Beetoven, Oda á alegría. A elección da composición xurdiu a mans da dirección do Conservatorio.
Actualmente estanse a levar a cabo unha serie de obras de reparación na praza co obxectivo de deixala nun estado óptimo para a incorporación dos novos motivos decorativos. Os operarios traballan para solucionar os problemas derivados da acumulación da auga.
Para evitar problemas de seguridade no novo espazo instalaranse dúas portas revestidas en aceiro, que impedirán o acceso de persoal externo. Tamén se cambiará a iluminación existente por focos LED, moito máis acordes para a realización de eventos.