Venres. 29.03.2024

Herminio Carballeda, propietario da Administración nº 1 de Xinzo de Limia, na que se validou o boleto da Bonoloto premiado con 3,7 millóns de euros no sorteo de onte é unha persoa feliz este mércores. Haberá outras, e máis felices aínda, en Xinzo ou na Limia. Nada sabe Herminio esta mañá da gañadora ou gañador do máximo premio que despachou a súa Administración, a única da vila, desde que el se fixo cargo hai catro anos.


“Espero que se poña en contacto connosco. Compartimos a súa alegría”, di Herminio esta mañá despois de atender por teléfono a un xornalista e mentres a reporteira e o cámara da Televisión de Galicia esperan para contar tamén a noticia. “Non paran de me chamar desde onte. E felicítanme... como se gañara eu o premio. Estou como nunha nube, é certo”, confesa.


A Administración ten repartido algún outro premio elevado. “Hai dous anos tivemos parte do segundo premio do Gordo de Nadal. E tamén repartimos outros, pero moito menores. Ningún como este de onte”. No pode informar o loteiro sobre as características do boleto. Di que se trata dun boleto diario, polo que tivo que ser validado entre o luns, día de feira en Xinzo, e onte martes. “A verdade é que pola feira tivemos bastante xente este días. Pero se a premiada ou premiado non se pon en contacto, vai se difícil que saibamos máis”.


“Que faría eu con 3,7 millóns de euros? Pois, volverme tolo”, admite Herminio Carballeda. “Berraría, seguro. Non creo que me cambiase moito a vida. Pero, ben, iso dino todos até que toca. Logo, veríamos”.


En calquera caso, Herminio dá un consello sensato ao gañador ou gañadora: “Moita calma e moita cabeciña”. A primeira hora empezan a chegar os primeiros clientes á Administración. Unha veciña cóntalle a Herminio que se levantou pola noite revisar os boletos que tiña. O propietario di que el o primeiro que fixo foi mirar entre os abonados. A identidade do premiado é unha incógnita, mais o que é seguro é que este mércores a clientela estará máis animada. 

Herminio, o propietario da Administración de Lotarías, dá un consello sensato ao gañador ou gañadora: “Moita calma e moita cabeciña”

NOTICIAS A LIMIA | “Que faría eu con 3,7 millóns? Pois, volverme tolo”