martes. 23.04.2024

A dúas semanas para o comezo do ciclo do Entroido limiao, a Xunta de Galicia aínda non deu a coñecer as normas que deberán seguir as celebracións. A Comisión organizadora e o Concello de Xinzo xa avanzaron algunhas medidas co fin de evitar no posíbel as aglomeracións de xente. Tamén a Asociación Cultural EnLAZAdos e o Concello de Laza decidiron onte que non se organizará acto ningún nos folións dos días 4, 11, 18 e 25. Trátase dos catro venres de febreiro. 

O seguinte paso será a reunión de coordinación dos entroidos de Xinzo, Laza e Verín, o coñecido Triángulo Máxico, unha xuntanza que hai semanas que se vén preparando e para que xa hai data: será o próximo martes, 25 de xaneiro. Xunto as comisións organizadoras de Xinzo e Laza participarán representantes do Concello de Verín.

A idea é adaptar as celebracións aos límites sociosanitarios que establece a normativa e que non se produzan disonancias entre os tres entroidos. Valoraranse medidas conxuntas, como suspender os concertos e as orquestras nas tres localidades. Entre outras razóns, para non provocar efecto chamada. 

Despois, cada entroido adaptará as diferentes celebracións masivas da súa localidade ás circunstancias sanitarias. Polo momento, a sexta onda da covid-19 parece moderar a súa expansión, mais a baixada da curva aínda non se produciu e podería non ser tan rápida como se vaticinou. O Entroido empezará a celebrarse nun contexto moi semellante ao actual.

NOTICIAS A LIMIA | A reunión para coordinar os entroidos do Triángulo Máxico...