miércoles. 24.04.2024

O Concello de Xinzo está pendente da decisión da Xunta de Galicia a respecto das normas e as condicións nas que o Executivo galego permitirá a celebración do Entroido. Xinzo é un caso particular pola duración do Entroido, que inicia o seu ciclo en apenas dúas semanas. Fontes do goberno local indicaron ao Diario do Limia que se lle "pediu dilixencia á Administración autonómica e esperamos coñecer o marco legal, en canto a horarios, concentracións de persoas, etcétera... a finais desta semana ou, como moito, a principios da seguinte".

Ademais das reunións da Comisión do Entroido, o goberno local "está a traballar a diario no asunto, é de moito sentarse, moito falar e moito consensuar", indican as fontes. Encargarase un informe aos redactores do plan de seguridade do ano pasado para adaptalo ás circunstancias deste ano. E manteranse reunións coa Policía Local, a Garda Civil, a Subdelegación do Goberno e cos feirantes, a maiores das xuntanzas da Comisión.

A Xunta informou a semana pasada que o subcomité de expertos da Dirección Xeral de Saúde Pública establecería as pautas para a celebración dos diferentes entroidos. Mais non transcendeu decisión ningunha do subcomité neste sentido. Mais alá da intención de se coordinar con Laza e Verín, desde o Concello de Xinzo esperan que o Executivo galego deixe "certa marxe de manobra" aos concellos, xa que cada festa ten características propias. 

A semana pasada, a Comisión do Entroido de Xinzo anunciou que determinadas actividades do sábado do Petardazo e do Domingo Fareleiro non se levarán a cabo este ano. 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo, pendente das ordes da Xunta para definir que se pode e como...