Venres. 29.03.2024

O Concello de Xinzo de Limia está a animar a toda a veciñanza da vila a participar na II edición da Campaña Provincial de Compostaxe Doméstica, unha proposta organizada por Sogama e a Deputación de Ourense - e neste caso coa colaboración do municipio limiá- . A iniciativa lévase a cabo naqueles concellos ourensás que teñen delegado o servizo de recollida de residuos urbanos sólidos na Deputación.

O obxectivo da campaña é promover a economía circular ensinándolle aos participantes o proceso de aproveitamento do lixo orgánico. Para isto, os inscritos realizarán accións de entrega de bioresiduos -en forma de material orgánica- á terra, o cal contribuirá á mellora e coidado do medio ambiente.

Calquera persoa que estea interesada en formar parte do proxecto poderá alistarse nel sempre que cumpra unha serie de requisitos:

  • Dispoñer, como mínimo, duns 50 metros cadrados de horta ou xardín.
  • Non ter participado noutras campañas de compostaxe promovidas pola Deputación de Ourense.
  • Comprometerse a estar presente no fogar durante os dous días de visitas obrigatorias que se realizarán coma parte básica do programa.

Na primeira das visitas, os interesados recibirán un composteiro e un manual explicativo do proceso de aproveitamento do lixo orgánico. Para conseguir bos resultados recoméndase escoller un lugar con bo acceso e con algo de sombra para realizar a instalación do composteiro, o cal quedará en contacto co solo. Tamén se debería ter a man unha pequena ferramenta para remover e airear os materiais e para retirar o compost maduro. Humedecer frecuentemente o interior da instalación asegurará un maior éxito do proceso.

A data límite de entrega das solicitudes será o día 15 de outubro. As inscricións deberán facerse na Casa do Concello de Xinzo. Para máis información poderase chamar ao teléfono 988 317 687, ou ben escribir ao correo [email protected].

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo chama a participar na II Campaña de Compostaxe Doméstica