domingo. 03.11.2024

O goberno municipal de Xinzo de Limia informou esta mañá da renovación do contrato do Servizo de Axuda a Domicilio coa empresa Sol Asistencia. O novo acordo estenderase por un período de dous anos a contar dende o pasado 4 de xaneiro, e inclúe melloras nas prestacións de servizos "e axudas de material, peiteado, podoloxía e fisioterapia, entre outras", indica a nota de prensa municipal.

O goberno que lidera Elvira Lama (PSdeG-PSOE) indica tamén que se eliminou a lista de espera, que era de 30 persoas. "Agora poderemos atender a toda a poboación demandante, sempre e cando cumpran os requisitos que establece a Xunta de Galicia. É un gran paso na mellora da calidade de vida dos veciños", manifesta a alcaldesa.

O contrato con Sol Asistencia suporá ademais unha mellora na formación para familiares de usuarios e para coordinadores e persoal do SAF, "con plans de 30 horas de duración".

"O persoal do SAF recibirá nocións sobre as necesidades de atención hixiénico-sanitaria das persoas dependentes ou a mellora das capacidades físicas e primeiros auxilios para persoas dependentes no domicilio, entre outras". A formación, neste caso, impartirase o último sábado dos meses impares de 2022, informa o Concello de Xinzo.
 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo renova o contrato da axuda a domicilio coa empresa Sol Asistencia