jueves. 25.04.2024

A Asociación Diabética Auria organiza para este mércores 27 -ás 16:00 horas- unha xornada de clases teóricas e prácticas que se impartirá no Concello de Xinzo e na que se tratará a temática da diabetes. No evento colaboran as entidades do Servizo Galego de Saúde, a Escola Rural de Saúde da Limia, o Concello de Xinzo de Limia e Lifescan.

A sesión comezará cunha mesa redonda que terá lugar na Casa do Concello de Xinzo. Nela, o médico de familia, José Miguel Fernández Quintás -do Centro de Saúde da vila- , realizará unha breve explicación sobre o concepto da diabetes amosando as súas características xerais e as causas e consecuencias que orixina no corpo humano. Tamén analizará as cifras de persoas que sofren a enfermidade, tanto a nivel nacional e comunitario, coma local -pois en Xinzo existe unha cifra considerable de pacentes- e como abordar a doenza dende a atención primaria.

Na mesa redonda intervirá Lola Rico, da Escola Rural de Saúde da Limia, a cal se centrará no tratamento da diabetes enfocado ao mundo rural e a mellora da saúde neste ámbito da poboación. Contarase coa presenza de Pablo Vivanco, farmacéutico dietista - nutricionista, que enfocará a súa charla na lectura e interpretación das etiquetas dos produtos alimenticios co obxectivo de proporcionarlle ao asistentes o coñecemento necesario para analizar a cantidade de azúcares engadidos que conteñen e saber canto deben consumir.

Finalmente, María Luisa Ruíz Santiago, enfermeira especializada en diabetes, falará da gran importancia do autocontrol e a constancia aplicada á dieta que se debe realizar -adaptada según o paciente-, ás medicións periódicas aconselladas, e ao exercicio físico regular recomendado.

Unha vez finalizada a mesa redonda, sobre as 17:30 horas da tarde, sairase ao exterior do recinto cultural para asistir a un taller práctico no que se tratarán e analizaran alimentos de todo tipo. Faranse recomendacións do que se debe comer ou non no caso de padecer a enfermidade, os plan de comidas que debería seguir cada paciente -os asistentes poderán elaborar menús adaptados a cada un dos casos-, e mesmo se desmentirán mitos relacionados co consumo de determinados produtos.

No mesmo espazo quedará exposto durante varios días unha pequena mostra de filminas con alimentos variados nos que se poderá ver a súa folla nutricional e a glucosa que conteñen. Esta última será representada mediante dous tipos de bolsas de azúcar -unha ración ou media de hidratos de carbono- .

Calquera persoa interesada poderá apuntarse á xornada chamando 648 802 361 ou ao 613 016 634, ou ben a través do correo asociació[email protected]. As sesións estarán adicadas principalmente a aquelas persoas que padecen diabetes ou queren centrarse na súa prevención, e a familiares e amigos dos pacentes.

NOTICIAS A LIMIA | Xornada de prevención e tratamento da diabetes en Xinzo