martes. 28.05.2024

Un ano máis, a Deputación de Ourense organiza as Xornadas de Folclore para achegar ás distintas localidades da provincia as músicas e bailes tradicionais do mundo. Na presente edición participarán seis agrupacións folclóricas procedentes de Sudáfrica, Arxentina, Bolivia, Ecuador, Tahití e Ucraína, que actuarán en quince vilas da provincia, ademais da capital, do 7 ó 16 de agosto.

Como vén sendo habitual, Xinzo será unha das vilas nas que farán parada as XXXVIII Xornadas de Folclore. Nesta ocasión coa actuación de agrupacións procedentes de Bolivia, Tahití e Ucraína, que amosarán as súas tradicións musicais. Será o vindeiro 13 de agosto na Praza Carlos Casares a partir das 20:30h.

Organizadas a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, as xornadas buscan a dinamización cultural das vilas proporcionando un espazo de intercambio cultural que acada, en cada edición, unha importante participación cidadá.

Localizacións próximas para facilitar a presenza de público


O programa das XXXVIII Xornadas de Folclore inclúe a visita ás vilas de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. Nesta edición, a distribución de localizacións pola provincia deseñouse pensando en facilitar o acceso ao maior número de xente posible, de tal xeito que os espectadores podan ver ata dous espectáculos en datas diferentes pola proximidade das vilas.

XXXVIII xornadas folklore provincia
Distribución dos eventos das XXXVIII Xornadas de Folclore.

En Ourense, como xa é tradicional, celebrarase a cerimonia inaugural o día 7 de agosto no Teatro Principal. Ribadavia acollerá o peche das xornadas o mércores 16 de agosto no Auditorio do Castelo. En ambas localidades actuarán as seis agrupacións convidades nesta edición.

NOTICIAS XINZO | As Xornadas de Folclore traerán a Xinzo músicas e danzas de Bolivia,...