jueves. 25.04.2024

Hoxe impartiuse na Casa da Cultura do Concello de Xinzo de Limia unha xornada teórica e práctica, organizada pola Asociación Diabética Auria, centrada no tratamento e a prevención da diabetes.

A parte teórica constou dunha mesa redonda na que participaron catro invitados, José Miguel Fernández, médico de familia do Centro de Saúde de Xinzo, Pablo García, farmacéutico dietista - nutricionista, María Luisa Ruíz, enfermeira educadora en diabetes e Lola Rico, coordinadora da Escola Rural de Saúde.

Na súa intenvención, o doutor Fernández definiu os dous tipos de diabetes que existen, a tipo 1, que aparece na infancia e orixina por mor do páncreas, o cal non logra producir insulina; e a tipo 2, que soe darse na idade adulta -entre os 40 ou 50 anos- , e na que existe un déficit de insulina. A maior parte da poboación que padece a enfermidade soe presentar o tipo 2, sendo esta evitable -en moitos casos- levando un estilo de vida adecuado e saudable, por exemplo, practicando exercicio diario e mantendo unha dieta equilibrada.

O médico resaltou uns datos preocupantes, "máis do oito por cento dos galegos padecen diabetes". Unha porcentaxe que podería ser moito maior, pois só se cuantifican os casos confirmados, quedando sen rexistrar os que aínda non se detectaron. A cifra podería ascender ata un 13 por cento. Existe tamén unha maior frecuencia de padecementos en poboacións con menos de dez mil habitantes, como é o caso de Xinzo de Limia.

A enfermidade pode pasar desapercibida durante moito tempo, comezando a verse os efectos a partires 10 ou 15 anos. En casos extremos foi a causante de amputacións de extremidades, casos repentinos de cegueira, problemas circulatorios, e mesmo dunha maior probabilidade de padecer un ictus ou unha trombose.

A diabetes non ten cura, é por iso que é moi importante falar de prevención e coidados. O doutor Fernández recomendou aos asistentes a realización de chequeos frecuentes para levar un correcto control do estado de saúde. As analíticas de sangue, os electrocardiogramas, cotexar o estado no que se atopan os pés e o fondo dos ollos, e medir a presión arterial deberían executarse a miúdo. Pois como ben dixo "ao final o responsable da saúde dun é un mesmo".

Noutra das intervencións, o farmacéutico Pablo García resaltou tamén a importancia da prevención ante a enfermidade, aínda que detendose na temática do etiquetado de produtos. Recomenda a todo o mundo ser moi consciente dos alimentos que consume, polo que resulta imprescindible prestar atención especial aos ingredientes que veñen especificados e descritos en cada un.

Destacou que se deben evitar os azúcares engadidos e apostar por alimentos que conteñan un índice glucémico baixo -pois así a glucosa accederá ao torrente sanguíneo máis lentamente- . Con menús ben planeados e sendo conscientes do que se come, pódense crear platos adaptados que manteñan en bo nivel a glucemia. A dieta non ten que ser restritiva, "podemos comer de todo, pero sabendo sempre que algúns alimentos nos van a perxudicar máis que outros".

Entre os alimentos que axudan a regular o índice glucémico destacan os produtos con fibra ou integrais, os de folla verde -debido a que conteñen cromo- e as legumes. Ademais, apostar por produtos frescos e de tempada, e evitar os procesados axudará a mellorar o estado de saúde dun.

O farmaceútico tamén falou da relevancia de cociñar e preparar os alimentos de xeito correcto, pois poden verse modificadas as súas propiedades. Por exemplo, en caso de cocer demasiado a pasta de fariña blanca, o almidón do alimento pode contribuír ao aumento do índice glucémico. Ademais, evitar o consumo de sal facilitaría o proceso de eliminación da glucosa do corpo.

Durante a parte práctica, a enfermeira María Luisa Ruíz -axudada polo resto de intervintes- impartiu ao asistentes un taller donde se especificaron as cantidades de azúcar que conteñen determinados alimentos mediante bolsiñas azucareiras. Tamén se realizaron recomendacións sobre que se debería incorporar á dieta, coma a avena, semillas de chía e froitos secos, e animouse a reducir o consumo da fariña e arroz blanco e dos produtos procesados.

NOTICIAS A LIMIA | A Asociación Auria concienciou á poboación de Xinzo sobre a diabetes