martes. 08.10.2024

O Concello de Xinzo de Limia anuncia a adquisición de case 100 novos libros en galego para a Biblioteca Municipal Antelana. Esta compra, cun investimento superior aos 1.200 euros, foi posible grazas a unha subvención outorgada pola Xunta de Galicia no mes de abril a través da súa rede de apoio ás bibliotecas.

As novas adquisicións, que inclúen varios exemplares de cada título, enriquecerán a oferta literaria dispoñible para as persoas usuarias da biblioteca, fomentando a lectura en galego dende a infancia e contribuíndo á transmisión e preservación da nosa lingua e cultura.

Ademais, o Concello de Xinzo de Limia anuncia que ten pendente executar unha segunda parte da subvención, superior aos 2.000 euros, que se destinará integramente á adquisición de máis publicacións en librarías locais, preferentemente en galego. Esta decisión responde ao compromiso do consitorio antelán de fortalecer o comercio local e apoiar aos pequenos negocios do municipio.


Con esta iniciativa, o Concello de Xinzo reafirma a súa aposta pola lingua galega e pola promoción da cultura e literatura en galego. Queren así garantir que as nosas nenas e nenos, así como o resto da cidadanía, teñan acceso a unha ampla variedade de recursos literarios que lles permitan medrar e formarse na nosa lingua.

NOTICIAS XINZO | O Concello adquire un cento de libros en galego para a Biblioteca