viernes. 04.10.2024

A Feira do Agro da Limia, Alimagro, xa quenta motores para a súa terceira edición. O Concello de Xinzo confirmou as datas para a súa celebración, que será os días 2, 3 e 4 de setembro. Dentro deste evento enmárcanse a Feira da Pataca, que terá lugar no Pavillón Deportivo, e a Feira da Maquinaria, que se fará no parque do Toural.

Esta terceira edición conta tamén con cartel, no que a pataca segue a ser a protagonista. Esta feira permite exaltar este produto estrela da comarca e xa colleitou moi boas impresións no pasado 2021. Para o mundo da pataca e da maquinaria agrícola é un apoio, xa que os vendedores e produtores se atoparán nun mesmo emprezamento para amosar ós clientes o que teñen para vender.

No 2021, a Feira Alimagro obtivo bos resultados ao congregar a máis de 5.000 asistentes pese as dúbidas xeradas pola situación sanitaria. Os empresarios do mundo da pataca e da maquinaria quedaron satisfeitos e seguro que este ano agardan que o éxito sexa maior.

A organización do evento aínda está a traballar na programación completa da feira, que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.

NOTICIAS XINZO | A Feira do Agro da Limia volve do 2 ao 4 de setembro