jueves. 25.04.2024

[ACTUALIZACIÓN DAS 16:00 HORAS - Informe da Policía Local sobre as feiras, publicado ás 15:50 de hoxe a través dunha nota de prensa]

A veciñanza da rúa San Roque rebelouse contra os plans de peonalización do centro por parte do goberno municipal que dirixe Elvira Lama (PSOE). Despois, os comerciantes da San Roque queixáronse da contumacia do concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, decidido a non recuperar os espazos da feira quincenal anteriores á pandemia. Os dous conflitos seguen abertos, coa negativa do goberno de Elvira Lama a facer público o informe da Policía Local na que baseaba o concelleiro a súa determinación [O Informe da Policía Local sobre as feiras foi publicado ás 15:50 de hoxe a través dunha nota de prensa], por un lado, e co resultado do programa de concienciación cidadá (e multas) para reducir o tempo de estacionamento no casco vello (tampouco hai datos oficiais, mais a impresión é que as cousas seguen igual que no inverno pasado).

Agora, veciñas e veciños da San Roque manifestan o seu malestar pola deficiente iluminación pública da rúa, que pasa en penumbra todas as noites. E mesmo as 8 da mañá, como mostra a fotografía que ilustra esta información, a rúa segue a escuras. As luminarias non son suficientes e a renovación das mesmas que o goberno municipal está levando a cabo no resto da vila e nos núcleos rurais aínda non chegou a esta parte do centro de Xinzo.

O goberno local anunciou a principios de mes o inicio dos traballos para a substitución de 4.610 vellas luminarias por novos dispositivos. E explicou que o plan, financiado polo Estado con 1,49 millóns de euros (o 80% do custe total), renovaría a iluminación no caso urbano de Xinzo e nos núcleos de Lamas, Boado, Porto Alto, Casas de Veiga, Ganade, Pidre, Piñeira Seca, Solveira, A Bruxueira, Lamas de Arriba, Ganade, Outeiro, Regueiro, Corredoira, Gudes, Guntimil, Gorgozola, San Vitorio e Barreiro.

Polo momento, na San Roque levan varias semanas con falta de luz. Segundo as veciñas, xa advertiron desta situación ao goberno local e á empresa que se encargaba do mantemento. Non lles deron solución. A fotografía foi tomada esta mesma madrugada por un veciño.

NOTICIAS XINZO | Agora, a San Roque sen luz