martes. 23.04.2024

Un aforro de case o 70 % na factura da luz do Concello. Unha luz LED por cada dous habitantes. Mellora da visibilidade e redución das emisións de CO2. Así anuncia este martes o Concello de Xinzo de Limia o inicio dos traballos para a substitución de  4.610 vellas luminarias por novos dispositivos dentro dun plan financiado polo Estado con 1,49 millóns de euros (o 80% do custe total) e que se está levando a cabo no caso urbano de Xinzo e nos núcleos de Lamas, Boado, Porto Alto, Casas de Veiga, Ganade, Pidre, Piñeira Seca, Solveira, A Bruxueira, Lamas de Arriba, Ganade, Outeiro, Regueiro, Corredoira, Gudes, Guntimil, Gorgozola, San Vitorio e Barreiro.


“As vellas luminarias de 100 vatios apenas iluminan, polo que os novos dispositivos mellorarán a visibilidade e reducirán as emisións de CO2”, informa o Concello de Xinzo, que engade que os traballos comezaron “nos últimos días” e hai catro empresas colocando 2.480 luminarias nunha primeira fase. Despois, na segunda fase “nas próximas semanas”, colocaranse 2.130 máis. 


O Concello asegura que aforrará un 70% no gasto de luz, “o que permitirá ao executivo local destinar estes fondos a outras inversións”. A factura actual, din desde o goberno local, elévase “até preto” de 258.500 euros. O aforro será, polo tanto, duns 180.000 euros. 


“A visibilidade mellorou considerablemente nalgunhas zonas nas que xa se substituíron as lámpadas, como na pista da Devesa ou no polígono, ademais do entorno do cemiterio e nas unións da Sitibal co centro da vila”, lembra o goberno. 


Para a substitución de 4.610 luminarias, o Goberno Central, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), aportará 1.495.000 euros, mentres que o 20% restante do plan, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. “En calquera caso, para a confirmación da axuda a entidade local tivo que comprometerse ao financiamento do 100% da inversión (é dicir, 1,87 millóns de euros)”, sinalan desde o Concello.
 

NOTICIAS XINZO | O goberno local anuncia que máis 4.000 luminarias serán instaladas nas...