sábado. 05.10.2024

O BNG de Xinzo destaca o potencial que as mulleres lle aportan á súa candidatura, na que tamén están implicadas. Sinalan que "a importancia do traballo en equipo radica na capacidade de alcanzar resultados mellores e máis significativos que os que poderían lograrse individualmente" e, nesta ocasión, a formación nacionalista logrou un equipo "sólido sobre unhas bases heteroxéneas que reflexan a diversidade nas súas filas".

Camilo Vila, pedagogo e educador social, encabeza unha lista que destaca pola "súa calidade e pola relevancia que lle outorga ó equipo". O candidato a alcalde declarou recentemente que responde "por toda a miña lista, do número 2 ó 23”, nun alarde de confianza na súa xente.

As dez mulleres que figuran na súa candidatura xogan un rol "determinante". Os nacionalistas destacan a Lucía Novoa, psicopedagoga e coordinadora da campaña; Alba Feixóo, avogada e coordinadora da xornada electoral; Mirian Opazo, artista e coordinadora de comunicación; Marta Joga, educadora e coordinadora de estratexia; e Xaira Pena, sanitaria e coordinadora de axenda. E non son as únicas. Outras mulleres coma Sabela Seara, Leticia Diz, Sheila Fernández, Carmen Cuquejo ou Manola Fiz, que se reincorporou ás filas do BNG de Xinzo logo de ser unha referencia vinte anos atrás, tamén forman parte deste proxecto.

Novoa enorgullécese da representatividade. “Fuximos de liderados persoais e directivos, somos un equipo e chegaremos moi lonxe con el porque nos respalda xa unha liña de traballo que vimos executando desde que decidimos revisar o noso proxecto”, resalta. Para o BNG de Xinzo a igualdade só será posible con "propostas valentes e plurais, realmente implicadas na deconstrución das estruturas sociais que impiden os seus obxectivos".

NOTICIAS XINZO | O BNG destaca o traballo das mulleres na súa candidatura