viernes. 26.04.2024

O BNG de Xinzo presentou esta fin de semana as cinco medidas "máis potentes" do seu proxecto, que darán resposta ás cinco ideas que quere para a localidade: medrar, traballar, vivir, coidar e desfrutar en Xinzo. Estas "ambiciosas, pero realistas" propostas, son as que está dando a coñecer Camilo Vila, candidato do BNG, á veciñanza xunto co seu equipo.

A Feira das Mozas, celebrada este sábado, foi o lugar escollido para sacalas á luz por “representar o Xinzo que queremos, unido, sabendo de onde vén e cara onde vai”, explica Manuel Pozo, número 2 na lista do BNG. O enxeñeiro agradece a colaboración dos axentes sociais que permitiron identificar as necesidades e así poder construír estas medidas. “Estou moi orgulloso da axuda que nos prestaron as ANPAs dos centros educativos, grazas a iso teremos o servizo 'Familias365' para conciliar e orientar ás familias, nenos e nenas, destaca sobre esta proposta que axude a medrar en Xinzo.

 

Mentres outros partidos propoñen a creación dunha gran residencia urbana para os maiores, os nacionalistas apostan por un modelo de rede de vivendas comunitarias ubicadas nas zonas rurais, con capacidade de 12 prazas. Isto permitirá que a xente "manteña o seu estilo de vida ata que o desexe", apunta Pozo sobre a idea de coidar na localidade. Outra proposta é a Oficina das Casas e da Xente para o asesoramento, tramitación e axudas, co obxectivo de facilitar a vida no concello.

O BNG tamén quere impulsar o traballo, polo que propón a creación dunha empresa de bolsas reutilizables a partir da fécula da pataca. Para logralo, xa iniciou contactos con empresas como a francesa Sphere. Por último, os nacionalistas buscan incentivar o comercio local e quéreno facer con axudas de ata 500 euros para a compra de bicicletas en Xinzo, convencidos de que é “un concello case plano e unha historia ligada á bicicleta debe ser máis ca motivo de orgullo, debe ser o futuro”, sinala Pozo.

As cinco ideas clave do BNG para Xinzo.
As cinco ideas clave do BNG para Xinzo.

NOTICIAS XINZO | As cinco ideas do BNG para medrar, traballar, vivir, coidar e...