jueves. 02.05.2024

Este domingo, a proba deportiva do Camiño Race terá lugar en Xinzo para estrear a primeira edición da Copa OCRA Galicia de carreiras de obstáculos. O evento deportivo contará cun circuíto que partirá do Parque do Toural e percorrerá as rúas do casco vello da vila e a ribeira do Limia. Máis de 500 persoas xa están inscritas nesta proba, que se dividirá en tres categorías que son a Élite, a Popular e a Kids para os nenos.

O Camiño Race contará con máis de 30 obstáculos que deberán sortear os participantes nun percorrido de 9 quilómetros, para os corredores da categoría Élite, e de 7 para os da Popular. A dificultade dos obstáculos será variable e alternaranse entre troncos, neumáticos, saltos de muros e pasos polo río, entre outros. Os máis pequenos terán un percorrido alternativo dun quilómetro en torno ao Toural.

O obxectivo deste evento é dar a coñecer este deporte que se atopa en expansión na actualidade e así facelo accesible a toda a poboación. Ademais, a proba coroará ao mellor corredor do Camiño Race, onde se darán cita participantes chegados de todas as provincias galegas, pero tamén de Madrid, Valencia, Cantabria e León. O Camiño Race terá tamén impacto na economía local, ofrecendo unha opción de turismo deportivo que mobilizará a un gran número de persoas.

O sábado, de 16:00 a 21:00 horas, os participantes xa poderán recoller os seus dorsais no Toural, mentres que o domingo terán o horario de 8:30 a 9:30 horas. As saídas das diferentes carreiras serán ás 10:00 horas para a Popular, ás 12:00 e 12:15 horas, as de nenos; e a Élite terá lugar ás 13:00 horas.

Por outra banda, a Asociación Civitas Limicorum estará presente no Camiño Race da Copa OCRA Galicia, un evento que cualifican como "emocionante e desafiante". A súa participación consistirá en facer unha recreación de costumes durante a carreira con lexionarios romanos e membros castrexos. Esta colaboración considérana unha "oportunidade excepcional" para promocionar a Festa do Esquecemento.

Cartel do Camiño Race da Copa OCRA Galicia,
Cartel do Camiño Race da Copa OCRA Galicia, que terá lugar este domingo en Xinzo.

NOTICIAS XINZO | A proba deportiva do Camiño Race reunirá a máis de 500 corredores na vila