martes. 10.12.2024

As colonias de gatos da rúa en Xinzo estanse a converter nun problema na vila. Un pequeno grupo de veciños encárgase, de forma voluntaria, de alimentar a catro colonias e estiman que hai polo menos oito. Isto provocoulle unha situación de conflicto a unha destas persoas, a finais do ano pasado, xa que outras lle empezaron a tirar a comida que ela levaba a estes animais. Para solucionalo, escribiu unha nota co seu número de contacto e o único que conseguiu foi que lle enviasen á Policía Local.

 

"Cando a Policía Local veu falar con nós, o que lle dixemos foi que non había ningunha ordenanza que nos impedise alimentalos e que o Concello é o responsable de ter un control sobre eles, segundo a Lei de Protección Animal de Galicia, e pódeno facer co método CER (captura, esterilización e retorno)", explica Antía Pousa, unha das alimentadoras. Os axentes cos que falaron, recoñeceron que tiñan razón e que xa informaran ao Concello, pero "que non o daban feito".

Ante esta situación, este grupo de veciños decidiu mobilizarse. Primeiro, Pousa enviou un escrito ao seu nome preguntando polo tema. En xaneiro, enviaron outro no que se recollían as subvencións que o Concello podía solicitar para implantar o método CER e, de xeito oral, dixéronlles que "estaban esperando por uns informes do veterinario". Por último, a semana pasada entregaron 455 firmas de persoas que piden que se controlen aos gatos da rúa. "A situación cada vez é peor porque empezan a reproducirse e moitos van morrer de infeccións. O tempo apremia", resalta Pousa.

Ademais de que se leve a cabo o método CER, o que axudaría a mellorar a situación de máis dunha vintena de gatos ao capturalos para marcarlos, esterilizalos e facerlles control sanitario para logo devolvelos á rúa, reclaman que se coloquen casiñas nas que as persoas alimentadoras, de xeito coordinado, poidan levarlles alimentos pola mañá e pola tarde. "Nun dos escritos enviamos exemplos do que se está a facer noutros concellos de España, onde se instalaron as casiñas ou se puxeron carteis de concienciación e de explicación sobre o método CER", explica Pousa.

Un par de felinos dormen sobre unhas da casiñas instaladas na cidade de Valencia para os gatos que viven na rúa. | FOTO: Ayuntamiento de Valencia.
Un par de felinos dormen sobre unhas da casiñas instaladas na cidade de Valencia para os gatos que viven na rúa. | FOTO: Ayuntamiento de Valencia.

 

O número de gatos non para de crecer e, nas vindeiras semanas, aumentará. "Sabemos dalgunhas que están embarazadas e moitas xa pariron. O que máis urxe é castrar porque esta situación estase volvendo insostible", sinala Pousa. Instalar casetas para alimentar aos gatos nun punto concreto axudará a rematar cos problemas con algúns veciños, xa que nunha das colonias víronse na obriga de darlles de comer nun camiño privado con permiso do propietario para evitalos. Por outra banda, o método CER permitiría que "a colonia esté controlada, non cree ningún problema sanitario e, ademais, os gatos evitarían pragas", engade.

No mes de marzo, antes de rexistrar as firmas, Pousa e outras seis persoas enviaron un escrito para solicitar información da situación. Nel, comprométense a axudar en todo o que sexa necesario para colaborar na implantación do método CER coa localización das colonias, a captura dos gatos para a o seu control veterinario ou co plantexamento de zonas onde poden colocarse as casetas para alimentalos.

Un gato dunha das colonias que hai repartidas por Xinzo.
Un gato dunha das colonias que hai repartidas por Xinzo.

 

NOTICIAS XINZO | Máis de 450 veciños reclaman ao Concello o control dos gatos da rúa