martes. 08.10.2024

Ramón Gómez, concelleiro de Mobilidade do goberno municipal de Xinzo de Limia, explica que no caso dos dous vehículos precintados por orde xudicial e que a Garda Civil estacionou na rúa Ladeira o Concello de Xinzo non pode intervir. 


En calquera caso, Gómez advirte que son dous casos distintos. No do turismo vermello que leva máis de 13 anos aparcado e que presenta un deterioro evidente (de aí as denuncias da veciñanza polo risco que poida supoñer para a saúde), Gómez sinala que “a propietaria está identificada, a Garda Civil xa hai tempo que se puxo en contacto con ela, e só tería que pasar polo cuartel, asinar o des-precinte, recoller a documentación e as chaves, e facer o uso que queira del”. 


O concelleiro engade que mesmo desde o Concello puxéronse en contacto con ela. “O normal sería levar o coche ao desguace, e nin sequera esa xestión lle suporía un custe, todo isto sábeo; mais, pola razón que sexa, non se fai cargo”.

No caso do todoterreo aparcado desde hai unhas semanas, segundo a información que ten o concelleiro, trátase dun vehículo comprado no estranxeiro, que está embargado por orde xudicial (ao parecer por falta de pago na operación de compravenda) e que o vendedor deberá pasar a retirar.

Gómez descoñece o motivo que levou á Garda Civil a sacalo do cuartel e estacionalo na rúa. Tamén insiste en que o Concello de Xinzo non dispón de ferramentas legais para retirar eses coches da vía pública. “E sabémolo porque este Concello leva anos intentando que se retire unha furgoneta que está na Moreira e que antes estivo no Campo da Feira, e os trámites son complexos e basta con que cambien o vehículo de sitio, como pasou polo menos tres veces, para que haxa que volver a empezar”.

vehículo todo terreo na Lardeira. Outono 2022 (5)
Os dous vehículos, onte, estacionados dun e doutro lado dos colectores, enfronte do cuartel.

En calquera caso, o concelleiro manifestou esta mañá en conversa co Diario do Limia no seu despacho que o goberno local, a través dos servizos legais do Concello, está buscando unha solución aos casos da Ladeira. Tamén comentou que está en contacto coa Garda Civil a respecto deste asunto.

NOTICIAS XINZO | O goberno local advirte que o Concello non pode retirar os vehículos...