viernes. 26.04.2024

O penúltimo pleno do Concello de Xinzo nesta lexislatura rematou con celeridade e marcado pola unanimidade de toda a corporación, que votou a favor de todos os puntos da orde do día. Un dos máis destacados foi o da concesión da Medalla de Xinzo á doutora Cristina Margusino, da cal se concretará a data de entrega nos próximos días e terá lugar despois do 18 de marzo, cando haberá o acto institucional para nomear como fillo predilecto da vila a título póstumo a Ramón de la fuente Galván.

No pleno louvouse o traballo desempeñado pola doutora Margusino no centro de saúde de Xinzo e no Punto de Atención Continuada, onde atendeu a pacientes de toda a comarca. A alcaldesa, Elvira Lama, asegurou que o recoñecemento "porá en valor a súa traxectoria e o seu traballo, xunto co seu equipo de profesionais do centro de saúde". Antonio Fernández, portavoz do Partido Popular; e Montse Lama, concelleira non adscrita; tamén recoñeceron a figura desta profesional sanitaria e dos que forman parte do centro de saúde de Xinzo.

 

Outro dos puntos tratados na sesión plenaria foi a aprobación do convenio entra a administración local e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para executar obras de eliminación de vertidos no río Limia e a humanización do seu entorno. A inversión prevista deste proxecto é de 1.420.000 euros, dos cales a Confederación aportará o 80% e o Concello de Xinzo o 20% restante que se pagará en dous prazos.

Estes traballos permitirán a recollida dos vertidos sen depurar ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no Toural, que os levaría á EDAR. A actuación completarase con melloras nas condicións de mobilidade na zona, a través dunha senda peonil e dun carril bici, en ambas beiras do río entre a estrada de Baltar e a ponte da calle Sitibal. Este convenio tamén se aprobou por unidanimidade, destacando a rexedora que isto mellorará considerablemente o medio ambiente e o urbanismo da zona. Na oposición, tanto Fernández como Lama calificaron esta actuación de "necesaria" e aseguraron que a veciñanza "vaino agradecer".

 

Por último, saíu adiante por unanimidade a prórroga do contrato da subministración eléctrica en alta e baixa tensión a través da Central de Contratación da FEMP, o que suporá un aforro "considerable". A rebaixa da factura pasará por un proxecto de mellora na iluminación de Xinzo, co que se conseguirá a eficiencia enerxética trala substitución de 4.610 vellas luminarias por tecnoloxía LED.

NOTICIAS XINZO | O penúltimo pleno da lexislatura remata con unanimidade da corporación