miércoles. 24.04.2024

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e o Concello de Xinzo únense para sacar adiante un novo proxecto para a eliminación dos vertidos do río Limia e a humanización do seu entorno. Ambas partes firmaron un convenio de cofinanciación dunha actuación que contará cunha inversión de 1.420.000 euros, dos cales a CHMS cubrirá o 80% e o 20% restante será da administración local.

Mediante este acordo procederase á execución duns traballos que permitirán a recollida dos vertidos sen depurar ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no parque do Toural, que os levaría á EDAR. Paralelamente, estableceranse as actuacións precisas para mellorar as condicións de mobilidade na zona, a través dunha senda peonil e un carril bici, en ambas beiras do río entre a estrada de Baltar e a ponte da rúa Sitibal.

Para a eliminación dos vertidos empregarase unha tecnoloxía que permitirá o cruce subterráneo do río Limia. En concreto, as obras de saneamento consistirán na recollida de vertidos da zona do antigo matadoiro, de construcións na marxe da estrada de Baltar e a avenida de Portugal, así como outros vertidos de construcións na marxe esquerda do río Limia, incluída a zona das piscinas municipais, do pavillón e do resto de instalacións deportivas municipais.

A alcaldesa, Elvira Lama, asegura que “con este proxecto facemos unha aposta pola mobilidade e polo medio ambiente, o que suporá un cambio significativo da imaxe do entorno do río ao seu paso pola vila”.

NOTICIAS XINZO | Un anuncio máis: Confederación e Concello comprometen 1,4 millóns para...