jueves. 25.04.2024

A finais da semana pasada, o Concello acometeu unha serie de obras para rematar a instalación da estatua da Dama da Lagoa na rotonda de entrada a Xinzo dende a A-52. "Unhas luces vermellas de neón, propias dun club de alterne, na base da estatua e un pouco de grava na rotonda, segundo declararon aos medios, co funcionamento do alumeado e a colocación dun bordillo, daban por rematadas as obras", din dende o Partido Popular da localidade. A principios deste mes, o PP esixía que se finalizasenm case tres meses despois da súa colocación, xa que carecía de iluminación e de decoración na superficie da rotonda, pero o resultado non foi o agardado.

 

Os populares pregúntanse se este tipo de "actuacións improvisadas e sen sentido" van ser a tónica nos meses que quedan para as eleccións municipais, cunha batería de obras e "supostas" inversións millonarias que últimamente ten anunciado o Goberno da alcaldesa Elvira Lama.

En canto ás obras de embelecemento da Dama da Lagoa, os populares fanse eco dunha declaración por parte do Concello para xustificar os tres meses de atraso, que se deberon "fundamentalmente, a la climatología. Además, para elegir la mejor fórmula de adecuación de dicho entorno, se solicitó la opinión del arquitecto municipal y del propio artista…”. Ademais, os populares tamén destacan outras manifestacións sobre a execución "das chapuceiras obras de embelecemento" por parte do Concello, nas que dixeron: "Ya está avisada la empresa de iluminación que va a acometer esta parte y, en breve, se adecuará todo este entorno. La lluvia tampoco favoreció el que pudiéramos empezar la obra antes…". Dende a oposición cuestiónanse se tiveron "un diluvio universal" para non poder traballar en 90 día pola chuvia.

 

O Partido Popular de Xinzo sinala que este atraso de tres meses, noventa días de "desidia e improvisacións", debeuse á "descoordinación e disputas internas do cuatripartito municipal, que só están pendentes 'los unos de la otra y la otra de los unos'". Coas eleccións municipais cada vez máis preto, din que están "metidos de cheo na carreira electoral e nas promesas de grandes obras, emulando ao Imperial parque acuático Ourensán, ao máis puro estilo do populista Gonzalo Perez Jácome, que encontrou na alcaldesa de Xinzo unha avantaxada imitadora da sua forma de facer política electoralista".

Os populares reclaman ao cuatripartito que "deixen de tomarlle o palo aos veciños e veciñas, de fotografías e liortas internas". Pídenlle ao Concello que se poña "a traballar dunha vez, polo menos nestes tres meses que lle quedan de Goberno Municipal". En canto á obra da Dama da Lagoa, esíxenlle que deixen "de tirar os cartos e rematen dun xeito digno e definitivo a instalación e iluminación". Conclúen sinalando que é "unha auténtica vergonza" a forma na que se atopa a estatua, "tratando de disimular estes 90 días de absoluto abandono".

NOTICIAS XINZO | O PP di que a iluminación da Dama da Lagoa semella a dun "club de...