Venres. 29.03.2024

“O Partido Popular de Xinzo de Limia pide que o goberno local actúe urxentemente nas obras que realizou sobre o tramo a esquerda da rúa Curros Enríquez dirección Baronzás, entre o número 67 (entronque coa rúa Sarxento Rodríguez) ata o número 79 (entronque coa rúa Marcelo Macías), para solucionar as graves deficiencias observadas en estas obras, que están causando moitas molestias e mesmo prexuízos a veciños, transeúntes e vehículos, e que empeoraran coa chegada da época invernal”, anuncian os populares nun comunicado difundido este xoves.


As obras foron executadas con fondos dos Plans Provinciais da Deputación de Ourense, e os populares sosteñen que trouxeron como consecuencia “o enfado dos veciños” polo pésimo remate das arquetas de recollida de pluviais “tanto en referencia ó número das mesmas como no que atinxe a súa inclinación para recoller as augas”. 


O PP advirte que apareceron grandes fochancas e, no entronque coa rúa Sarxento Rodriguez no nº 2, “fíxose unha prolongación da beirarrúa para marcar, entendemos nós, o paso de peóns, invadindo parte da calzada e poñendo en grave risco ós peóns ademais de causar series dificultades ó tráfico rodado”.


MOCIÓN CONTRA A OCUPACIÓN
Os populares rexistraron ademais unha moción que están levando a diferentes concellos do país na que piden cambios na Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro do Código Penal “para endurecer as penas no caso de ocupación da vivenda ou inmoble, especialmente no caso de mafias”. 


E demandan tamén “novas medidas procesuais para mellorar a protección das persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarias ou posuidoras lexítimas dunha vivenda ou inmoble o obxectivo de recuperar a plena posesión dunha vivenda ou parte dela, sempre que se viran privados da mesma sen o seu consentimento”. 


Os populares reclaman outras medidas contra a ocupación, como “incluír un novo apartado no apartado 4 do artigo 18 da Lei  7/1985, de 2 de abril, de Bases de Réxime Local para evitar a inscrición no padrón municipal dun ocupante ilegal”, así como solicitar “que esta inscrición se considere nula e non constitúa proba da súa residencia ou domicilio nin se lles atribúa ningún dereito”.
 

NOTICIAS XINZO | O PP urxe ao goberno local a solucionar “deficiencias” nas obras na...