viernes. 26.04.2024

Deputados do Partido Popular no Parlamento de Galicia visitaron esta mañá Xinzo, onde mantiveron a súa reunión habitual para abordar a actividade parlamentaria da semana, para logo coñecer o Museo Galego do Entroido e a exposición "Os mundos de Carlos Casares". Pedro Puy, portavoz do Grupo Popular, agradeceu a invitación do deputado limiao Carlos Gómez Salgado de Vedmar e do candidato do PP ás eleccións municipais en Xinzo, Antonio Fernández. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, tamén estivo presente neste encontro.

Este encontro tivo lugar nun contexto de celebración do Entroido e Puy destacou que "é o único que ten o recoñecemento internacional, o que converte a Xinzo na capital de Galicia" desta festa. O portavoz popular engadiu que é "unha honra" visitar a vila nestas datas, o que permite coñecer de preto o festexo. Aproveitou a súa presenza na vila para agradecer a todos os implicados no Entroido a súa participación porque, "mantendo ano tras ano estas tradicións, conseguen que viva parte da nosa esencia popular e axudan a dinamizar o sector turístico".

Puy sinalou que a celebración do Entroido, ao igual que outras festas como a do Cocido de Lalín desta fin de semana, serven para desestacionalizar o turismo e axudan a este sector, que en Galicia "xera por riba do 10% do PIB e o 11% de emprego"

Os deputados coñeceron as instalación do Museo Galego do Entroido. | FOTO: Noelia Caseiro.
Os deputados coñeceron as instalación do Museo Galego do Entroido. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Situación da sanidade pública

O portavoz dos populares aproveitou a ocasión para valorar a manifestación en defensa da sanidade pública que tivo lugar este domingo en Santiago. Puy recoñeceu que "a sanidade pública ten un problema e estamos a facer todo o que está nas nosas mans para resolvelo", polo que lamentou a preocupación da veciñanza.

Lembrou que os orzamentos da Xunta cada ano incrementan a partida destinada para a sanidade e, neste 2023, destinarase un 36% máis de diñeiro con respecto ao 2009, "os últimos aprobados polo bipartito -PSdeG e BNG-". A inversión pasa pola creación de novas infraestruturas, a mellora das tecnoloxías e "cubrindo todas as prazas alí onde sexa necesario, priorizando aquelas de difícil cobertura".

Xavier Casares acompañou aos deputados no percorrido pola exposición "Os mundos de Carlos Casares". | FOTO: Noelia Caseiro.
Xavier Casares acompañou aos deputados no percorrido pola exposición "Os mundos de Carlos Casares". | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Puy resaltou a medida para permitir a contratación de novos facultativos a través de concurso de méritos, coa que se cubriron tres prazas na comarca da Limia. "Estamos tratando de paliar o déficit de médicos", destacou. Ademais, traballan noutra medida para impulsar unha "xubilación activa" para aqueles profesionais que, voluntariamente, queiran traballar ata os 72 anos.

O portavoz dos populares acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de non adoptar decisións estruturais "imprescindibles" para o futuro da sanidade. "Sánchez é quen ten a cura para este problema sanitario, en contra do que parecía manifestar estes días, culpando a unha Xunta que está a facer todo o posible para paliar o déficit de profesionais", rematou.

NOTICIAS XINZO | O PPdeG destaca ó Entroido como un motor económico e turístico de Galicia