sábado. 05.10.2024

Xa non queda nada para que o Entroido de Xinzo comece e aínda quedan detalles por ultimar. Placer Feijóo leva dende o mes de novembro traballando arreo para que ás Pantallas non lles falten un dos seus símbolos, as vexigas que portan en cada man. "Non damos feito, cada pouco temo que ir por máis para preparalas. É unha animalada", conta Feijóo.

 

A cantidade de traballo que se acumula vén pola falta de relevo. Feijóo leva na preparación das vexigas de vaca para o Entroido uns 20 anos e só el e outra persoa se adican a esta tarefa. "Con que un dos dous paremos, as vexigas acábanse", recoñece. Na preparación, Feijóo non está só e conta con axuda, pero o traballo é cada vez máis. "Antes había máis xente que as facía, pero agora quedamos dous para cubrir toda a demanda que hai cada ano. Ten que vir xente nova", engade.

 

Este traballo, como moitos outros, sofre que as xeracións máis novas non amosen interés por continuar coa tarefa. Neste caso, aínda se lle suma algún que outro inconveniente. "É algo difícil porque cando están frescas cheiran moito e non o aguantan. Nós xa non o notamos porque estamos acostumados", apunta Feijóo. Ese olor pérdese unha vez que as vexigas se van curando, pero non é doado lidiar con el.

Placer Feijóo ata unha das vexigas para colgalas. | FOTO: Noelia Caseiro.
Placer Feijóo ata unha das vexigas para colgalas. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Por outra banda, este labor intensifícase nos meses previos ao Entroido, pero non cesa ao longo do ano. "Sempre estamos indo ao matadeiro polas vexigas que logo se conxelan", explica Feijóo. Segundo van facendo falta, retíranse para que se desconxelen e así inflalas para iniciar o proceso.

O lume é esencial na preparación das vexigas, xa que se teñen que curar. Unha vez infladas cólganse para que o calor vaia facendo o seu traballo. "Teñen lume todos os días para que se curen, pero o que máis traballo dá é inflalas", sinala Feijóo. Cada vexiga ínflase como mínimo dúas veces, xa que perden o aire do seu interior antes de que queden duras. "A primeira vez é a máis sinxela, pero logo vaise complicando porque a parte por onde se inflan endurécese", detalla.

As vexigas, infladas e listas para curarse. | FOTO: Noelia Caseiro.
As vexigas, infladas e listas para curarse. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Mentres poda, Placer Feijóo continuará con esta tarefa que é necesaria cada ano. "As vexigas normalmente cámbianse para cada Entroido porque sempre poden ter algunha pérdida, pero moitos o último día xa van a reventalas", di este limiao. Unha vez que remate este Entroido, el comezará a prepararse para o seguinte.

 

As primeiras pantallas comezarán a verse polas rúas de Xinzo o 12 de febreiro, día no que se celebrará o Domingo de Corredoiro. As vexigas elaboradas por Feijóo serán de novo un símbolo de intimidación para aqueles que non cumpran difrazándose e vivindo esta festa como hai que facelo.

NOTICIAS XINZO | Placer Feijóo, unha vida adicada ó Entroido tralas vexigas das pantallas