Xoves. 28.03.2024

Hai máis de 35 anos, Hipólito "Poli" Paz entraba na Policía Local de Xinzo para asegurar un futuro mellor para a súa familia, primeiro como interino e logo cun posto fixo de funcionario. Aí quedou, converténdose no "Poli" policía que sempre velou pola seguridade da veciñanza limiá ata que se xubilou a finais de marzo.

O balance que fai destas tres décadas na Policía Local, concretamente 35 anos e 3 meses, é "moi bo". "Entrei con moita ilusión e ganas de traballar", recorda. O paso do tempo axudoulle a darse de conta que en Xinzo, ao ser un lugar relativamente pequeno, desempeñar as súas funcións sería algo "tranquilo" ao non ter tanta actividade como a dos corpos de seguridade das cidades. "Por sorte foi levadeiro", engade.

Controlar vehículos mal estacionados ou tramitar denuncias por obras sen licenza son algunhas das labores diarias que fixo, sen contar aquelas imprevistas como poden ser os accidentes de tráfico. "Todos os meus anos de policía cumprín co que me mandaron, pasando por moitos alcaldes e cada un coa súa forma de querer que fixésemos o traballo", explica Paz. A sintonía coa xefatura tamén foi boa, con algún que outro roce, algo normal despois de tantos anos no corpo, e dos compañeiros garda un grato recordo.

Entrei con moita ilusión e ganas de traballar cando aprobei para formar parte da Policía Local

A oportunidade de entrar na Policía Local de Xinzo deulle unha seguridade laboral que antes non tiña, cando traballaba para empresas privadas. "As condicións daquela non eran as mellores e, pensando no futuro, vin unha convocatoria para policía e presenteime", conta. No primeiro intento non aprobou, pero o segundo non se lle resistiu. "Estiven uns cinco anos de interino e logo entrei como funcionario, tras facer de novo a proba", lembra Paz.

A finais de marzo, a súa vida deu un novo xiro. Comezaba a súa xubilación deixando atrás á Policía Local. "Cámbiache bastante a vida, non andas pendente do espertador polo turno da mañá nin vas polas noites, que cando xa tes unha idade, non tes moita gana de andar por aí porque che pode aparecer unha sorpresa", comenta o ex-axente, retirado aos 60 anos. Iso é o positivo, pero tamén hai unha parte negativa porque "fastidia ter que deixar aos compañeiros", especialmente a aqueles cos que máis tempo levaba traballando, ou cos que entrou hai 35 anos.

A semana pasada, os seus compañeiros organizáronlle unha cea de despedida coa que festexaron esta nova etapa da súa vida. "Agora un xa está relaxado e esqueces os horarios de traballo, pero a eles seguireinos vendo, quedando para tomar un café", apunta. O importante para "Poli", como o coñecen todos en Xinzo, é que a súa xubilación sexa "moi longa e na que haxa saúde para desfrutala".

Hipólito Paz, coñecido como "Poli", xubilouse recentemente da Policía Local de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Hipólito Paz, coñecido como "Poli", xubilouse recentemente da Policía Local de Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

NOTICIAS XINZO | "Poli" colga o uniforme tras máis de 35 anos na Policía Local