domingo. 05.05.2024

A Asamblea Local de Galiza Nova manifesta o seu desacordo co pacto entre ÁXIL e o PP para a formación de goberno no Concello de Xinzo. "Este vergoñento acordo, froito do interese persoal e partidista das forzas políticas implicadas, tradúcese nun goberno indigno conformado dende a demagoxia e a mentira", din dende a formación do BNG.

Dende Galiza Nova en Xinzo sinalan que o Concello estará rexido por "unha política sen proxectos sólidos máis alá do beneficio propio". Isto, din, racharía co "acadado nestes catro anos de goberno progresista". Consideran que este mandato de ÁXIL e PP será prexudicial para a mocidade limiá xa que abrirá "unha etapa de goberno caciquil no cal nunca estarán representados os nosos valores e intereses".

 

A formación de xente moza do BNG resalta a reacción da mocidade limiá, xa que recibiron numerosas solicitudes de adhesión á súa organización nos últimos días, o que consideran a "primeira consecuencia deste goberno ilícito e con marcado carácter conservador".

Galiza Nova Xinzo, coa súa responsable á fronte, Xaira Pena, comprométse a "seguir loitando pola mocidade os próximos catro anos, para que as necesidades da xente nova da Limia sexan unha realidade". Traballarán na elaboración de propostas que favorezan o desenvolvemento de todas as persoas na localidade. "Xinzo merece un goberno participativo, comprometido e honesto que traballe únicamente para a cidadanía. Xinzo merece máis. Cómpre estar, e estamos", rematan.

NOTICIAS XINZO | Galiza Nova cualifica como "indigno" e "vergoñento" o goberno de ÁXIL...