domingo. 06.10.2024

O Concello de Xinzo de Limia avanza unha importante ampliación de 2368 metros cadrados no cemiterio parroquial, unha medida que responde á urxente necesidade de espazo. O proxecto será financiado integramente con fondos municipais e as novas sepulturas construiranse sobre solo dotacional, en terreos que xa están en proceso de negociación cos actuais propietarios.

 

O alcalde Amador Díaz destacou a relevancia da intervención: "Esta ampliación era unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Xinzo. Co cemiterio actual ao límite da súa capacidade, é fundamental planificar a longo prazo. Estamos a traballar coas propiedades lindeiras co obxectivo de iniciar as obras tan pronto como sexa posible".

 

O proceso atópase en marcha, permitindo que a cidadanía exprese as súas opinións sobre a proposta e manifeste o seu interese en adquirir unha propiedade no novo espazo do cemiterio. Ata o momento, máis de 60 persoas xa formalizaron a súa solicitude de nichos, un trámite que se pode realizar directamente nas oficinas do concello.

 

Moncho Gómez, concelleiro de obras, engadiu que "o solo dotacional onde se levará a cabo esta ampliación está estratexicamente situado, asegurando que o cemiterio continúe a ser accesible e funcional para as persoas, sen afectar o seu uso actual durante as obras.".

NOTICIAS XINZO | O Concello amplía o seu cemiterio parroquial en 2.368 metros cadrados